

A XGN Intermax celebrará do 9 ao 11 de outubro a súa 26ª edición na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, cunha convocatoria que combinará competicións, actividades tecnolóxicas e propostas de lecer dixital baixo o lema World Champions Edition. A edición deste ano incluirá tamén actividades e competicións relacionadas coa vitoria da selección española de fútbol no Mundial.
A maior LAN party de Galicia volverá reunir novas tecnoloxías, informática e lecer dixital, cunha programación diferenciada para participantes e visitantes. As reservas xa están abertas.
A XGN manterá as súas dúas áreas habituais. A Intranet estará reservada aos inscritos e ofrecerá postos con conexión de altas prestacións, acceso a actividades exclusivas e zona de acampada. Os participantes poderán entrar no recinto o 8 de outubro a partir das 16:00 horas para asistir á preparty, mentres que a actividade principal da Intranet desenvolverase do 9 ao 11 de outubro.

A Extranet estará aberta de maneira gratuíta os días 9 e 10 de outubro, entre as 10.00 e as 20.00 horas, cun programa dirixido tanto aos participantes como ao público xeral.
A conectividade volverá ser un dos elementos técnicos destacados da cita. Intermax Technology, patrocinadora oficial desde 2024, facilitará por terceiro ano unha conexión de ata 40 Gbps para os participantes.
O programa combinará competicións, obradoiros, actividades deportivas, xogos analóxicos e conferencias relacionadas coas novas tecnoloxías, a intelixencia artificial e o gaming. A World Champions Edition incorporará ademais novas propostas ligadas á temática escollida para este ano.
A XGN Intermax contará novamente co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology.
