
Durante esta semana, Carballo vaise converter nun “gran espazo para a ciencia”. Así o fixo saber o Concello, con motivo da celebración da Noite Europea das Persoas Investigadoras (a GNight), unha iniciativa que na capital bergantiñá vai moito máis alá dunha noite para estenderse do 21 ao 27 de setembro e levar a divulgación científica aos centros educativos, ao Pazo da Cultura, ás Escolas do Xardín Agra de Caldas, á praza do Concello e ao Mercado Municipal.
Por formatos, a axenda inclúe encontros con investigadores e investigadoras, visitas a empresas, experimentos, intelixencia artificial, química, historia, astronomía, drons, maxia, un planetario, zarzuela ou mesmo un vermú científico. “A programación abrangue propostas para públicos moi diversos e combina actividades escolares con outras abertas ao conxunto da veciñanza”, confirmou o Concello.
Na presentación do programa de actividades participaron o alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación e Fondos Europeos, Iván Andrade; Verónica Bolón, en representación da Universidade da Coruña e do Centro de Investigación TIC (o CITIC) da UDC (no que é investigadora) e da Academia Joven de España; Diego Iglesias, de Axober, e Mónica Mariño, do IES Alfredo Brañas.
Foi precisamente Mónica Mariño quen puxo voz a un dos momentos máis emotivos do acto, coa lembranza da profesora de Física e Química Isabel Regueiro, colaboradora de LandraCiencia e recentemente falecida. Daniel Pérez sinalou que “era imposible realizar esta presentación sen reservar un espazo para ela e para a pegada que deixou tanto no ámbito educativo coma nas iniciativas de divulgación científica desenvolvidas en Carballo”.
O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, resumiu a filosofía da programación nunha idea: “Ciencia de Carballo, ciencia en Carballo e ciencia feita en Carballo”. Porque, engadiu, o obxectivo non é só traer a Carballo grandes nomes da investigación, senón tamén visibilizar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación que xa se producen no territorio.
Nesa mesma liña incidiu Diego Iglesias, que destacou a importancia de dar visibilidade ás empresas da contorna e mostrar o talento que existe no propio concello. Unha filosofía que se reflicte, por exemplo, nas actividades promovidas por Nauterra cos centros educativos ou na proposta de Axober e NordesTech sobre os drons e vehículos non tripulados utilizados en emerxencias, salvamento, vixilancia forestal e costeira ou control de infraestruturas.
Verónica Bolón puxo en valor a colaboración da Universidade da Coruña e da Academia Joven de España, que “permitirá achegar investigadores e investigadoras directamente ao alumnado”. Bolón salientou a extensión e a calidade dunha programación pouco habitual mesmo en cidades de maior tamaño.
Para o alcalde, Daniel Pérez, a idea fundamental é precisamente que durante unha semana Carballo se converta nun espazo para a ciencia. O programa dixo, “busca romper coa percepción da ciencia como algo afastado, complexo ou reservado a especialistas; a ciencia poderá tocarse, experimentarse e compartirse: desde construír un espectroscopio ata entrar nun planetario, realizar experimentos químicos, coñecer a tecnoloxía empregada polos drons ou descubrir o universo a través da luz, do son, dos aromas e do tacto”.
O rexedor indicou que a mocidade ocupa un lugar central nesa estratexia. Ao longo da semana haberá encontros con investigadores e investigadoras nos centros educativos, visitas de estudantes ás instalacións de Nauterra e actividades específicas para diferentes niveis escolares.
Outro dos principios da programación é a accesibilidade. O domingo, o espectáculo Universo accesible, de Cosmos Creativo, ofrecerá unha experiencia multisensorial concibida desde os principios do deseño universal e adaptada para persoas con TEA e con discapacidade visual, auditiva, neurolóxica ou intelectual.
Todas as actividades forman parte do proxecto Talento quilómetro cero (TALK0), promovido polo Concello de Carballo e financiado pola Unión Europea.
Do luns 21 ao mércores 23 de setembro
Actividades organizadas por Nauterra | Horario escolar
Nauterra abrirá a programación con actividades dirixidas aos centros educativos, coa colaboración dos IES Alfredo Brañas e Isidro Parga Pondal:
- Visitas de estudantes de Formación Profesional ás instalacións de Conservas Calvo.
- Charla sobre innovación para alumnado de FP e Bacharelato, no salón de actos do IES Alfredo Brañas.
Xoves 24 de setembro
- 19.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas
Encontro interxeracional de historiadores de Carballo, dentro das Xornadas Carballo na Memoria, coa participación de Xan M. Fraga Rodríguez, Margarita Barral Martínez e Hadrián García Pérez, e moderado por Candela Lola Battiato Miñones.
Público mozo e adulto. Entrada libre ata completar a capacidade.
Venres 25 de setembro
- Noite Europea das Persoas Investigadoras
Horario escolar | Centros de ensino
Encontros con investigadores e investigadoras para alumnado, coa colaboración da Academia Joven de España.
Participarán: Edgard Camarós, experto en paleopatoloxía e arqueozooloxía, no IES Alfredo Brañas; e Cintia Folgueira, especialista en endocrinoloxía e metabolismo celular, no CPR Artai. - 12.00 h | Auditorio do Pazo da Cultura
La medición de un sueño
Zarzuela científica de Cosmozarza, Ciencia y Zarzuela, que ten como protagonista á física Alicia Sintes, referente internacional no estudo dos buratos negros, a relatividade e a detección de ondas gravitacionais.
Dirixida a alumnado de 3º e 4º da ESO. Colaboran o FIOT e a Concellaría de Cultura. - 17.00 a 18.00 h | Pazo da Cultura
Circulaacción: conecta, experimenta e aforra!
Obradoiro para descubrir como funcionan os circuítos a través do xogo e da experimentación e aprender a utilizar a enerxía de forma responsable.
Con Adriana Dapena, Paula Castro e Óscar Fresnedo, investigadores do CITIC da Universidade da Coruña.
Público infantil de 8 a 11 anos. Prazas limitadas. Inscrición en carballo.gal. - 17.00 a 20.00 h | Salón de actos do Pazo da Cultura
Zarzuela en construción
Taller de co-creación dunha escena de zarzuela dirixido por Cosmozarza.
Para todos os públicos. Inscrición en carballo.gal. - 19.00 h | Cafetaría do Pazo da Cultura
Charlas divulgativas. A Noite das Persoas Investigadoras.
Verónica Bolón Canedo: IA verde: cara a un futuro sostible.
Pablo Pita Orduna: Conto peixes. Debería buscar un traballo serio?
María Andrade Suárez: Pode unha árbore cambiar unha cidade? Infraestrutura verde e o desafío de reconciliar natureza e vida urbana.
Público xuvenil e adulto. Entrada libre e de balde.
A programación inclúe tamén un espectáculo para adultos de maxia científica co Mago Pablo Estévez.
Sábado 26 de setembro
- 10.00 a 13.00 h | Mercado municipal
Laboratorio de química
Obradoiro no que as crianzas se converterán en científicos e científicas por un día realizando experimentos rápidos e seguros con materiais de uso cotián.
Público infantil de 4 a 12 anos. Acceso por quendas, sen inscrición. - 10.00 a 12.00 h | Praza do Concello
Tecnoloxía de KM0 que salva vidas
Axober e NordesTech achegarán ao público a ciencia e a tecnoloxía que hai detrás dos drons e dos vehículos non tripulados empregados en emerxencias, salvamento, vixilancia forestal e costeira e control de infraestruturas.
Haberá exposición de equipos, demostracións e exhibición tecnolóxica. Todos os públicos. Acceso libre e de balde. - 13.00 h | Mercado municipal
Vermú científico con María Jesús Lamas e Ángel Carracedo
Unha conversa aberta sobre ciencia, saúde, ADN, medicamentos, novos tratamentos, medicina personalizada e os retos da saúde do futuro.
Público mozo e adulto. Acceso libre ata completar a capacidade. Colabora Bodegas Carballo. - 16.00 a 21.00 h | Mercado municipal
Cine 360º e planetario 3D
Experiencia audiovisual inmersiva para viaxar polo Universo, achegarse aos planetas e ás estrelas e descubrir a ciencia a través de películas educativas proxectadas sobre toda unha cúpula.
Para todos os públicos. Acceso por quendas, sen inscrición.
Domingo 27 de setembro
Mercado Municipal
- 11.00 e 12.45 h
Manualidades astrofísicas
Obradoiro familiar para descubrir o universo coas mans mediante a construción de cuadrantes, planisferios e espectroscopios, coñecer os movementos dos astros e descubrir a información que agocha a luz das estrelas.
Inscrición gratuíta en carballo.gal. - 18.00, 19.00 e 20.00 h
Universo accesible
Espectáculo teatral astronómico de Cosmos Creativo (Madrid) que permite descubrir o cosmos mediante a ciencia, a arte e os sentidos: luz, sons, aromas, imaxes e elementos táctiles. A proposta está pensada desde os principios do deseño universal e adaptada para persoas con TEA e discapacidade visual, auditiva, neurolóxica ou intelectual.
De balde con reserva en carballo.gal.

