
Cadrando coa semana do Día Europeo das Linguas, a Real Academia Galega entregou hoxe ao IES Rafael Dieste o galardón co que recoñece iniciativas que destaquen polo seu traballo a prol da normalización do idioma na infancia e na mocidade. O Premio na lingua que eu falo veu dado polo proxecto Aquí tamén se fala! impulsado polo instituto coruñés. A distinción contou co apoio da área de lingua da Deputación da Coruña.
A deputada de lingua, Sol Agra, participou no acto, xunto ao presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o promotor de ATSF e director do Rafael Dieste, Alberto Pombo, e a coordinadora de Primavera das Letras, Fina Casalderrey.
A Real Academia Galega recoñece con este premio “a capacidade de Aquí tamén se fala! para transcender o propio ámbito educativo e converterse nun movemento de participación xuvenil arredor do galego”.
O proxecto naceu no IES Rafael Dieste en 2023 da man do profesorado Alberto Pombo, Mónica Reixía e Arcadio González e conta cunha importante participación do alumnado, nun centro no que sete de cada dez estudantes son de orixe migrante. Ao longo dos últimos tres anos, a iniciativa estendeuse a preto de 300 centros educativos e 25.000 mozos e mozas, consolidándose como unha das experiencias de dinamización lingüística con maior impacto social dos últimos anos.
Entre as súas iniciativas destaca o festival musical Aquí tamén se fala!, co que colabora a Deputación da Coruña a través da súa área de Lingua, entre outras entidades.
Durante o acto, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, destacou precisamente a capacidade de Aquí tamén se fala! para facer do galego u”nha ferramenta de integración e intercambio cultural” e puxo o proxecto como “exemplo da importancia das iniciativas que nacen desde a propia sociedade”.
O Premio Na lingua que eu falo, creado pola Real Academia Galega en 2025, toma o seu nome dun verso dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro e concédese ao abeiro de Primavera das Letras, proxecto da RAG dirixido ao público máis novo e que conta co apoio económico da Deputación da Coruña.
Pegada nas redes sociais

Baixo o paraugas da iniciativa Aquí tamén se fala!, que se estende a 300 centros, realízanse mancheas de accións de fomento do idioma como entrevistas ou campañas nas redes sociais que contaron coa participación de persoeiros galegos e internacionais e entidades que animan á xuventude a usar a lingua.
O proxecto #aquítaménsefala é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil, con accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno: un proxecto que comezou no IES Rafael Dieste da cidade da Coruña para logo estenderse por centros de todo o país, en boa medida a través das redes sociais (Instagram, Youtube, Spotify e Tiktok). Trátase dunha iniciativa que pon especial atención á música e á cultura galega realizando gravacións e entrevistas que se divulgan nas RRSS.
Aquí tamén se fala contou nas redes sociais co apoio inicial de representantes da cultura como Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras.

