
Tras unha época de bonanza para as consolas retro, semella que entramos nunha etapa complicada, por mor das dificultades para conseguir compoñentes para a súa fabricación, e tras o adiamento de 10 meses do lanzamento da Neo Geo AES+, chega agora o anuncio do retraso das consolas portátiles inspiradas no Commodore 64 e o ZX Spectrum.
THEC64 Handheld e The Spectrum Handheld adoptaban o formato dunha consola portátil tipo Nintendo DS cunha pantalla IPS de 4,3 polgadas con resolución de 800 x 480 píxeles, incluíndo cada unha 26 xogos preinstalados (ampliables mediante microSD) e coa posibilidade de conectarlle un teclado externo por USB no caso de querer manter unha experiencia de uso máis próxima á orixinal.
Estas máquinas estaban programadas para o 15 de outubro, data moi próxima, de aí que sorprenda bastante que sexa hoxe cando anuncien que o lanzamento se adía ata o 22 de abril de 2027 por problemas na súa produción.
Dende Blaze Entertainment destacan que estes problemas de produción non afectan a outro dos seus produtos, a consola Evercade Nexus, que segue prevista para o 30 de outubro.

