
Este verán botaron a andar as probas do servizo que permite converter os discos físicos de Xbox One e Xbox Series X en licenzas dixitais, iniciativa que foi recibida cos brazos abertos polos xogadores, especialmente por ser unha medida pro consumidor que sorprende nun momento no que a industria está a moverse na dirección contraria (por exemplo, eliminando os xogos en disco, como anunciou PlayStation) e que incluso permite a adquisición dunha licenza dixital de títulos que xa foron retirados das tendas dixitais.
Tamén resultou rechamante o feito de que os xogos de Xbox Series X puidesen reclamarse dende unha Xbox One S, consola que non é capaz de correr os xogos da xeración seguinte, pero si é capaz de ler o código de licenza dos discos da xeración actual, abrindo a porta a un xeito económico de gozar desta función para os usuarios dunha consola sen lector de discos (xa que a vella One S pode adquirirse a prezos moi económicos).
Pero parecía que o servizo ía contar cun grande atranco, xa que precisa da autorización dos editores dos xogos para o seu funcionamento, e podiamos pensar que a avaricia de certas compañías levaría a que non quixesen agasallar unha licenza dixitais aos propietarios dunha copia física, pero finalmente non parece estar a pasar iso.
Hai unhas semanas sóubose que Ubisoft sumouse á iniciativa, facendo que xogos como Assassin’s Creed puidesen pasarse de disco a dixital, e agora é Sega a compañía que fai o propio, coa incorporación de 44 xogos máis ao programa, de xeito que actualmente só quedarían fóra os xogos de Bandai Namco e Square Enix, xunto con algunha outra compañía pequena e certos títulos que saíron nos primeiros meses de Xbox One (e que non incluían o código que facilita a súa conversión a dixital).
O feito de que se estea a realizar un censo dos xogos que poden pasarse de disco a dixital está a engadir moita transparencia á nova función que actualmente está dispoñible dentro do programa de Insiders de Xbox, e probablemente a visibilización de certas compañías como as que non apoian ao xogador podería levar a que cedesen e se adherisen ao programa de Xbox, para que cando chegue a todos os usuarios o catálogo de xogos compatible sexa o máis amplo posible.
Actualmente xa serían compatibles coa función de pasar os títulos de disco a licenza dixital o 84% dos xogos de Xbox One e Xbox Series X, e a porcentaxe continúa a medrar, polo que superaría a todas as previsións que se facían durante a súa presentación, e indicaría que a industria non quere desincentivar o mercado dos xogos en soporte físico mentres continúe existindo, facendo que a transición a dixital sexa o menos traumática posible.
Na última versión da nova función tamén chegou un cambio moi interesante: xa non é preciso solicitar manualmente a licenza dixital dos xogos que introduzamos en disco na nosa consola Xbox, senón que o proceso realizarase de xeito automático, informando sobre este proceso a primeira vez que o realizamos. Inicialmente veremos una pantalla de información da adquisición da licenza dixital do xogo en disco, pero no futuro o aviso limitarase a unha breve notificación.
Cómpre lembrar que esta función é compatible co préstamo e a segunda man, ou sexa, que as licenzas dixitais que teñamos na nosa conta de usuario perderanse cando outro usuario reproduza o xogo en disco outra consola.

