
Nun momento no que as subscricións de Game Pass van incorporar límites de uso para o xogo en streaming, Xbox iniciou unha proba para os membros do programa Xbox Insiders que permite contratar paquetes de tempo de xogo na nube sen necesidade de ter unha subscrición activa a Game Pass. A iniciativa está xa dispoñible e anticipa unha modalidade que Microsoft prevé estender a máis usuarios en novembro.
Os paquetes de acceso teñen prezos de lanzamento de 3,99 dólares por 10 horas, 7,99 dólares por 25 horas e 11,99 dólares por 50 horas. O tempo contratado permanece dispoñible ata que se consume, polo que non é necesario empregalo de maneira continuada desde o momento da compra.
O servizo ofrece acceso ao xogo na nube sen anuncios, con tempos de espera máis curtos e emisión de maior calidade. A modalidade está pensada para usuarios que queiran recorrer á transmisión de videoxogos sen pagar unha subscrición a Game Pass, aínda que a dispoñibilidade dos paquetes, os xogos compatibles e as funcións poden variar segundo o mercado, o dispositivo, a conta e o grupo de probas ao que pertenza cada usuario.
Esta iniciativa súmase ás probas que Xbox xa está a realizar para ofrecer xogo na nube gratuíto con publicidade. As dúas modalidades permiten explorar alternativas á subscrición, cun acceso de pago por tempo de uso ou mediante unha opción financiada por anuncios.
Para participar na nova proba é necesario formar parte de Xbox Insiders. Os interesados poden acceder ao programa a través da aplicación Xbox Insider Hub, dispoñible para Xbox Series X|S, Xbox One e PC con Windows. A participación permite probar funcións antes do seu lanzamento xeral e achegar comentarios para contribuír ao seu desenvolvemento.
Lembremos que Xbox Cloud Gaming non só permite gozar de xogos sen instalalo, senón que tamén facilita o seu uso en streaming dende dispositivos portátiles, televisores e ordenadores persoas de reducidas prestacións, polo que pode chegar a entenderse como un servizo de aluguer de consolas en remoto, o que no actual panorama (cun hardware con prezos desorbitados) pode resultar razoable para moitos xogadores.
