
Capcom confirmou unha filtración de datos persoais vinculada ao seu servizo de contas en liña Capcom ID, tras detectar un acceso non autorizado o 19 de outubro. A información divulgada afecta a 11.774.247 rexistros de todo o mundo, que inclúen enderezos de correo electrónico e datos técnicos asociados ás contas.
A empresa xaponesa informou de que a intrusión tamén permitiu acceder a información adicional de 43 rexistros, entre eles a data de nacemento, o sexo, o país ou rexión e o alcume dos usuarios afectados.
Ademais, detectáronse cambios non autorizados nos contrasinais de 196 contas. Capcom asegura que non atopou indicios de que os contrasinais establecidos polos propios usuarios fosen filtrados, aínda que confirmou que os das contas afectadas foran modificados sen autorización. Os contrasinais destas 196 contas xa foron restablecidos e a investigación continúa para determinar o alcance completo do incidente.
Os datos técnicos expostos inclúen información propia do sistema, como a data de creación da conta, o último acceso, o número de inicios de sesión e o enderezo IP do cliente empregado na última conexión. A filtración non inclúe información de tarxetas de crédito, segundo o comunicado.

A intrusión afecta a Capcom ID, a conta común necesaria para acceder a diferentes servizos web de Capcom e a algúns dos seus xogos en liña. Aseguran que os servizos seguen funcionando con normalidade e que non se produciron efectos sobre as partidas dos seus xogos.
A investigación comezou o 19 de outubro, cando Capcom detectou indicios dun posible acceso ilícito e bloqueou de inmediato as conexións sospeitosas. Ao día seguinte, a empresa confirmou a filtración e os cambios irregulares de contrasinais, constituíu un equipo interno para coordinar a resposta e informou o seu comité externo de supervisión da seguridade. O 21 de outubro notificou o incidente á policía e á autoridade xaponesa de protección de datos.
Capcom comezou a contactar individualmente cos usuarios afectados e habilitou canles específicas de atención. Tamén advertiu de que os datos expostos poderían utilizarse para enviar mensaxes fraudulentas que suplanten a identidade da compañía ou de organizacións relacionadas. Recomenda non abrir ligazóns nin arquivos adxuntos de correos sospeitosos.
