
Proseguen as actividades formativas da Cámara de Comercio de Santiago destinadas a favorecer a transformación tecnolóxicas das pemes e das persoas autónomas. Entre o 2 de novembro e o 18 de decembro (ao longo de sete semanas) celebrarase o Programa de Emprendemento, Innovación e Transformación Tecnolóxica, baixo o epígrafe Impulsa as túas vendas, IA e procesos na túa empresa.
O obxectivo do programa é impulsar a creación, innovación e transformación tecnolóxica de emprendedores, pemes e startups, acompañándoas no desenvolvemento de modelos de negocio innovadores, proxectos tecnolóxicos e novas oportunidades de crecemento e financiamento.
Trátase dunha iniciativa co-financiada polo FSE, Programa Estatal de Emprego, Educación, Formación e Economía Social a través da Fundación INCYDE e o CDTI. Colabora a Cámara de Santiago de Compostela.
Está dirixido a emprendedores/as e novas firmas innovadoras (startups) con ideas ou proxectos tecnolóxicos, que queiran transformar unha oportunidade de mercado nun modelo de negocio de futuro, desenvolver unha solución innovadora e avanzar cara á creación, lanzamento e crecemento da súa empresa. Tamén para pemes e startups con proxectos de innovación ou desenvolvemento tecnolóxico, interesadas en incorporar novas tecnoloxías, mellorar os seus produtos, servizos ou procesos, aumentar a súa competitividade e explorar novas oportunidades de crecemento e expansión.
Obxectivos
·Dotar aos participantes de ferramentas e metodoloxías para definir, impulsar e xestionar as súas iniciativas empresariais desde unha perspectiva innovadora, tecnolóxica e orientada ao crecemento.
· Impulsar a creación e transformación de modelos de negocio capaces de adaptarse a unha contorna empresarial en constante evolución, utilizando a innovación e a tecnoloxía como pancas de competitividade e xeración de novas oportunidades de negocio.
· Facilitar a revisión e evolución dos modelos de negocio existentes, identificando oportunidades de innovación, dixitalización e mellora que permitan aumentar a competitividade, eficiencia, rendibilidade e capacidade de adaptación das pemes e as startups.
· Promover o desenvolvemento e a incorporación de solucións tecnolóxicas innovadoras, favorecendo a identificación de oportunidades de I+D+i, a transferencia de tecnoloxía e a conexión con servizos e axentes de apoio á innovación, tanto a nivel nacional como internacional.
· Capacitar aos participantes para comprender e aplicar o proceso de innovación, desde a identificación de necesidades e oportunidades ata o desenvolvemento, validación e implantación de solucións innovadoras nos seus proxectos empresariais.
· Facilitar o coñecemento do ecosistema de emprendemento, innovación e tecnoloxía, poñendo en contacto aos participantes cos principais axentes, recursos e servizos de apoio dispoñibles para o desenvolvemento dos seus proxectos.
· Dar a coñecer as oportunidades e instrumentos de financiamento para proxectos innovadores e tecnolóxicos, con especial atención ás liñas e programas de apoio do CDTI, axudando aos participantes para identificar aquelas opcións que poidan contribuír ao desenvolvemento e escalado das súas iniciativas.
O programa desenvolverase en Coworking Dixital Cámara de Santiago de Compostela.
