
A xornada estatal da Semana Europea da Robótica celebrarase este ano en Santiago de Compostela, os días 26 e 27 de novembro, no CIFP Politécnico. Baixo o título Robota: Cultura robótica, é o encontro anual co que a Plataforma Tecnológica Española de Robótica (HispaRob) se suma a esta iniciativa europea, e conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de AllKnow Education.
A European Robotics Week, impulsada por euRobotics, é a principal campaña europea de divulgación en robótica. Cada ano participan centos de entidades de toda Europa con actividades para dar a coñecer a robótica e a intelixencia artificial e fomentar as vocacións tecnolóxicas. HispaRob é a súa coordinadora nacional en España.

En Santiago, a xornada organízase en tres bloques pensados para públicos distintos. O 26 de novembro estará especialmente dirixida á comunidade educativa, con contidos para profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial. O 27 de novembro pola mañá terá un enfoque profesional, con empresas, centros tecnolóxicos, universidades, profesorado de bacharelato, Formación Profesional e administracións públicas. Pola tarde abrirá as súas portas ás familias e ao público en xeral con actividades divulgativas e unha feira de robótica.
As inscricións para asistir a Robota: Cultura robótica, tanto para cidadanía en xeral como profesionais, están abertas na páxina web do evento. Os docentes inscríbense a través de FProfe, a plataforma de formación da Consellería de Educación, tanto para o xoves como para o venres pola mañá.
A programación, xornada a xornada

O xoves 26 está pensado para o profesorado. Ademais da conferencia inaugural da tecnóloga Cristina Aranda, haberá unha mesa sobre robótica accesible, coa ONCE e Ana Iglesias, Premio Nacional de Discapacidade Reina Letizia 2023. Noutra, docentes do CEIP Louro de Muros, o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o CPI de Atios de Valdoviño e o IES Miraflores de Oleiros contarán as súas experiencias nos Polos Creativos, os espazos de robótica e tecnoloxía que a Xunta implantou nos colexios e institutos de Galicia. Tamén poderán probar recursos de robótica que despois poden empregar na aula, desde un robot social que dirixe actividades en Infantil ata brazos robóticos coma os das fábricas, preparados para que os programe o alumnado.
A mañá do venres 27, coa presenza do presidente de euRobotics, Francesco Ferro, dedicarase á industria, á investigación e á FP. O alumnado do CIFP Politécnico amosará os seus propios proxectos, como un brazo robótico que pinta ou outro que repón material nun almacén, e presentarase Robota-Sudoe, un proxecto europeo no que participan a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense e que lles ensina a robots a manexar carne ou froita, tarefas que hoxe se fan a man.
Xa pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, o CIFP Politécnico abrirá as súas portas ás familias e ao público en xeral cunha feira gratuíta de experimentación e robótica na que pequenos e maiores poderán conversar con robots dotados de intelixencia artificial, dar os seus primeiros pasos en robótica, crear circuítos que se pintan e se acenden ou probar lentes de realidade virtual.
A Plataforma Tecnológica Española de Robótica, HispaRob, agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. É coordinadora nacional da European Robotics Week, promovida por euRobotics, e membro da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.
