
Ir á procura de solucións de software libre para mellorar a xestión e reserva das instalacións deportivas municipais (canchas, pistas e pavillóns) é o obxectivo do I Certame GOBTEC, unha proposta organizada por AGASOL (Asociación Galega de Software Libre).
Indo ao certame en cuestión, as empresas, persoas emprendedoras e entidades tecnolóxicas radicadas en Galicia xa poden presentar as súas propostas ata o 18 de novembro ás 23:59 horas na súa web, optando a un premio de 6.000 euros e a un forte recoñecemento institucional. En moitos concellos galegos, especialmente nos máis pequenos, a reserva de instalacións deportivas aínda depende de procesos pouco dixitalizados, como chamadas, correos ou xestións presenciais. Isto dificulta tanto o acceso da cidadanía como a organización das propias administracións. Por este motivo, AGASOL centrou o primeiro reto GOBTEC na procura dunha solución de software libre que simplifique e modernice esta xestión. O reto consiste en idear unha solución mediante software libre que non consista unicamente en crear unha app de reservas, senón que permita adaptarse ás diferentes necesidades de cada concello, con configuracións personalizadas e funcionalidades como consultar as instalacións, reservalas online, realizar cancelacións e modificacións rápidas, revisar o historial persoal e recibir avisos. Non se require presentar o produto xa feito, senón unha idea ben desenvolvida e cunha aplicación viable.
Quen se pode presentar a este reto? Pois empresas, persoas emprendedoras e entidades relacionadas co eido da tecnoloxía e a innovación, co requisito fundamental e excluínte de ter o seu enderezo social ou centro de traballo en Galicia. Asemade, só se permitirá unha única proposta por entidade participante, que deberá incluír unha memoria técnica dun máximo de dez páxinas, elaborada segundo o modelo oficial dispoñible na propia páxina de inscrición, así como os datos de contacto da entidade participante. A maiores, e de xeito opcional, poderán incluírse materiais visuais como mockups, prototipos ou demos funcionais.
O 3 de decembro terá lugar un acto na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) coa participación das propostas seleccionadas e do xurado do certame, composto por representantes de AGASOL, a Xunta de Galicia/GOBTEC, un concello galego, Startup Galicia e unha persoa experta independente en software libre.
AGASOL, que agrupa empresas galegas vinculadas ao desenvolvemento e uso de tecnoloxías abertas promovendo o uso do software libre, organiza este I Certame GOBTEC coa colaboración de Startup Galicia e co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galician (AMTEGA), para conectar o talento tecnolóxico galego con necesidades reais das administracións públicas a través do software libre.
