
A Consellería de Emprego e Comercio convocou hoxe a segunda edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio, co mesmo orzamento que a primeira (2,5 millóns) para poñer a disposición das persoas consumidoras desde mañá mércores bonos desconto de ata 30 euros. O importe súmase aos 2,5 millóns destinados á convocatoria do pasado mes de maio, acadando un total de 5 millóns.
Co gallo de “dar unha maior visibilidade ás compras realizadas no comercio de proximidade” e de “incentivar tanto a demanda comercial como a fidelización da clientela”, nesta segunda edición repetirase o sorteo en redes sociais estreado na primeira campaña do ano, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia.
O premio serán novamente catro bonos por valor de 250 euros cada un, para investir nos establecementos adheridos á iniciativa.
Segundo explica a Consellería, o programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo “incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos”.
Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 millóns en vendas no comercio de proximidade de Galicia, atendendo ao crédito do programa e ao importe dos bonos.
Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. A partir de mañá 28 de outubro (desde as 9,00 horas) as persoas consumidoras poderán descargar eses bonos desde a web dos bonos e empregalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.
O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Coma nas ocasións anteriores, cada persoa poderá descargar un único bono e non se limitará o número de usuarios que poden descargalos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns, os bonos descargados xa non se poderán usar.
Por segunda vez desde o nacemento da iniciativa, convídase ás persoas consumidoras implicadas a participar nun sorteo, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta (@xuntagal e @xuntadegalicia, respectivamente). Deberán dar un gústame á publicación correspondente en calquera dos perfís, mencionar o cancelo #ComercioGalego, o establecemento onde mercaron, a localidade e unha persoa que poida estar interesada no sorteo. Os gañadores dos catro bonos de 250 euros que se outorgarán como premio terán unha semana para reinvestilos nos establecementos adheridos.
