
O analista tecnolóxico Enrique Dans cuestiona o poder das plataformas dixitais nos procesos electorais a raíz das denuncias de trato desigual entre as candidaturas de Lula da Silva e Flávio Bolsonaro nas ferramentas de intelixencia artificial e nos servizos de Meta en Brasil.
Nun artigo publicado no seu blog co título Meta, el cáncer de la democracia, Enrique Dans advirte de que o sucedido durante as últimas eleccións presidenciais brasileiras debería obrigar a reconsiderar o papel de Meta, que considera moito máis ca unha empresa tecnolóxica. O analista pon o foco nas denuncias sobre o funcionamento da intelixencia artificial integrada en WhatsApp e na distribución de contidos políticos en Instagram.
Segundo as informacións difundidas por medios brasileiros, a IA de WhatsApp rexeitaba solicitudes para xerar imaxes electorais de Luiz Inácio Lula da Silva co número 13, que identifica a súa candidatura, mentres aceptaba peticións equivalentes relacionadas con Flávio Bolsonaro e o número 22. As restricións terían persistido mesmo despois de que Meta anunciase medidas para corrixir o problema.
Dans considera que a situación non se pode despachar como un simple erro técnico, aínda que recoñece esa posibilidade. Ao seu xuízo, o feito relevante é o impacto potencial que estas diferenzas de funcionamento poden ter nun proceso democrático, independentemente de que exista ou non unha intención explícita de favorecer unha candidatura.
A campaña de Lula tamén denunciou ante a xustiza electoral brasileira supostas restricións inxustificadas á difusión das súas publicacións e anuncios en Instagram, fronte á maior visibilidade que, segundo a acusación, recibían os contidos favorables a Bolsonaro. As queixas chegaron a observadores electorais internacionais e o Tribunal Superior Electoral ordenou a Meta garantir un tratamento equitativo para ambas as candidaturas, baixo a ameaza de multas de 500.000 reais diarios.
O analista subliña que o problema non se limita á eventual intervención de actores políticos que utilizan as redes sociais para difundir propaganda. A súa preocupación céntrase tamén no poder das propias plataformas para determinar que ferramentas están dispoñibles, como funcionan e que alcance conseguen as mensaxes de cada candidatura. Estas decisións, adoptadas mediante sistemas algorítmicos e políticas internas pouco transparentes, poden condicionar a circulación da información política sen que os cidadáns dispoñan de mecanismos directos para fiscalizalas.
O analista considera que os sistemas de recomendación opacos e a capacidade de decidir que mensaxes circulan poden facilitar a expansión de movementos autoritarios, aínda que non sexa necesario demostrar que unha plataforma pretende promover explicitamente unha ideoloxía determinada. Reclama auditorías independentes, transparencia algorítmica, responsabilidades legais efectivas e unha separación estrutural das plataformas e incluso vai máis alá da regulación: defende que se debería considerar o peche de Meta se non é posible garantir que opere sen poñer en risco os dereitos fundamentais e a integridade electoral.
