
O equipo compostelán do GDG, comunidade local de desenvolvedores con máis de 10 anos de traxectoria e 680 membros, vai celebrar os días 4 e 5 de novembro a edición 2026 do DevFest Santiago, que inclúe dos días gratuítos de formación e debate arredor da intelixencia artificial na Escola Técnica Superior de Enxeñaría no Campus Sur da USC.
A cita será o mércores 4 de novembro en horario de de 16.00 a 20.15 h e o xoves 5 de novembro, entre as 12.00 e as 20.15 horas. Desenvolverase na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC (rúa de Lope Gómez de Marzoa, s/n).
O evento é gratuíto e a previsión é xuntar (coma nas anteriores edicións) uns 260 asistentes. Cóntase co patrocinio de Raiola Networks, Dinahosting, OSIX Tech e a área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.
O programa céntrase en intelixencia artificial e desenvolvemento web, con 18 relatores, 17 charlas e unha mesa redonda de peche, ademais de comida o xoves, petiscos ambos os días, sorteos e espazos de networking.
Entre os relatores e historias desta edición destacan: Carlos Mota, experto desenvolvedor de Google en Android e organizador do GDG Coimbra, que falará de Android XR e de IA inclusiva con lingua de signos; Unai Zorrilla e Diego Rodríguez Varela (Plain Concepts), que falarán sobre como empezar unha carreira na era da IA; e David Martínez (CTO de Inforrada), que afondará en como crear aplicacións sen programar con Gemini.
Contarase tamén coa presenza de Auria Technologies, o equipo de Formula Student AI da Universidade de Vigo, que presentará o monopraza autónomo co que competirá no circuíto de Silverstone; Andrés Osorio, estudante da USC e creador de MathWrite e MathWrite Notes, aplicacións que converten apuntamentos manuscritos en LaTeX e que xa superan xuntas os 30.000 usuarios; e Marc Rodríguez, de TripleAlpha, que chegou desde Vigo facendo o Camiño Portugués e construirá en directo Xacobe, un axente de IA, sen escribir unha liña de código.
O equipo organizador xa puxo na Rede, en libre consulta, a axenda do encontro. Tamén é posible realizar o rexistro en liña.

