
O CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, sairá das súas instalacións o vindeiro 6 de novembro co gallo da Xornada de Ciencia Aberta CINTECX 2026, baixo o lema Investigación que conecta a túa cidade. Haberá (entre outras cousas) obradoiros de impresión 3D, realidade virtual, videoxogos (Alerta Verde) e un simulador de condución.
A cita celebrarase en O Tinglado do Porto de Vigo, cunha programación que combinará actividades prácticas, demostracións tecnolóxicas e experiencias participativas. A iniciativa alcanza a súa sétima edición e dá un novo paso no seu obxectivo de achegar a investigación á sociedade: despois de abrir por primeira vez as súas portas ao público xeneral en 2025, este ano traslada a xornada ao centro de Vigo para facilitar o encontro entre a cidadanía e quen investiga no centro.
Entre as 10.00 e as 14.00 horas, preto de 300 estudantes de Secundaria e Bacharelato participarán en actividades organizadas en dúas quendas. Acompañados por persoal investigador de CINTECX, percorrerán diferentes propostas para coñecer de primeira man como se traballa en ámbitos como as enerxías renovables, a intelixencia artificial, os novos materiais ou a enxeñería de infraestruturas.
Os estudantes poderán explorar estruturas mediante xeorradar e realidade mixta, descubrir como se estudan os bosques con tecnoloxías espaciais ou probar un simulador de condución que avalía riscos en tempo real.
Tamén poderán medir fibras de vidro moito máis finas que un cabelo, observarán o comportamento térmico de distintos materiais e coñecerán como as baterías axudan a aproveitar a enerxía renovable.
A programación incluirá ademais experimentos con chamas para comprender os procesos de combustión, propostas sobre biomateriais e enxeñería biomédica e actividades para descubrir como funcionan as máquinas. A mañá terminará cun espectáculo científico a cargo de David Ballesteros, de Cea Aberto.

Pola tarde, O Tinglado do Porto de Vigo abrirá as súas portas a toda a cidadanía. Familias, nenos e nenas, mozas e persoas interesadas na ciencia poderán participar nas actividades e descubrir algunhas das tecnoloxías que forman parte da investigación desenvolvida en CINTECX.
Ás propostas da mañá sumaranse experiencias como o debuxo con lapis de impresión 3D, unha demostración do videoxogo Alerta Verde, no que os participantes deberán resolver un escape room para salvar o seu centro educativo dunha catástrofe, e unha actividade de realidade virtual para experimentar co triángulo do lume.
Quen se achegue tamén poderán percorrer as actividades cun pasaporte científico, que recibirán á súa chegada e poderán completar cos selos obtidos ao participar nas distintas propostas. Ao alcanzar o número mínimo de actividades establecido, poderán recoller un premio científico. A tarde incluirá varios pases dun espectáculo científico e a actividade Ciencia: Mito ou Verdade, tamén guiadas por David Ballesteros.

