
A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), coa colaboración do Concello de Ferrol, organiza en novembro unha formación sobre novas formas de comunicar a nivel empresarial e a nivel de estratexias de mercadotecnia. Trátase do curso Uso profesional de WhatsApp como canle de venda: Comunicación dixital práctica para empresas.
Terá catro horas de duración e realizarase en formato presencial na sede de COFER na Malata (Punta Arnela, Ferrol). Levarase a cabo o 17 de novembro en horario de 9.30 a 13.30 horas, da man da empresa Item-Aga. A inscrición é de balde e as prazas limitadas.
Trátase dun curso dirixido a persoas emprendedoras e/ou autónomas e responsables de pequenos negocios locais que precisan optimizar a súa estratexia de comunicación dixital corporativa.
O curso céntrase en capacitar ás persoas participantes para integrar o uso profesional de WhatsApp dentro da estrutura comercial das súas empresas. Deste xeito, proporciónanselles as ferramentas necesarias para transformar esta aplicación nunha canle directa e eficiente de captación, fidelización e conversión de clientela.
Segundo informan dende COFER, a formación achega un enfoque totalmente práctico e aplicable ao día a día empresarial. Deséñase cunha metodoloxía directa e accesible que combina os contidos teóricos fundamentais con dinámicas participativas e materiais de apoio, todo iso orientado a xerar un impacto inmediato nas vendas e na xestión comercial do tecido empresarial.

