
A Deputación de Lugo aprobou hoxe, na reunión da xunta de goberno, investimentos por 1 millón de euros, para mellorar a mobilidade provincial e municipal. Así o avanzou a voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, quen destacou que estes acordos “dan resposta a necesidades concretas dos concellos e da veciñanza”. Entre estes acordos figura un proxecto de acompañamento dixital para os concellos de menor poboación, co obxectivo de avanzar en apoderamento tecnolóxico e igualdade de condicións, e tamén loitar contra o despoboamento.
En concreto, a xunta de goberno acordou solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) unha axuda de 300.000€ para poñer en marcha un servizo itinerante de acompañamento dixital nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes.
A través do programa Tecendo no rural a institución provincial quere achegar a formación e o apoio tecnolóxico á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, axudándolles a utilizar as novas tecnoloxías e a realizar xestións dixitais sen ter que desprazarse.
O proxecto combinará obradoiros prácticos e atención de proximidade en espazos municipais, asociacións, centros de maiores e residencias. Tamén incluirá actividades interxeracionais e o uso práctico da intelixencia artificial para facilitar tarefas cotiás, reforzar a autonomía persoal e combater a soidade non desexada.
A proposta incorpora o uso práctico da intelixencia artificial “como ferramenta para facilitar tarefas cotiás, reforzar a autonomía persoal e contribuír a combater a soidade non desexada”, aseverou García Porto.

