
A plataforma VALUEbot desenvolvida polo PSM Research Team do grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi seleccionada como unha das 20 experiencias máis destacadas do Atlas of Innovation in Public Communication, unha iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).
A ferramenta, que utiliza intelixencia artificial para facilitar o acceso á información institucional mediante chatbots, recibiu a distinción Spotlight na categoría Clarity in Action, que recoñece “iniciativas capaces de transformar información complexa en contidos claros e accesibles para a cidadanía”.
O Atlas recibiu 173 candidaturas procedentes de 50 países, das que seleccionou 102 experiencias de 32 estados. Delas, só 20 obtiveron a distinción Spotlight, reservada ás iniciativas coas valoracións globais máis altas en innovación, relevancia, impacto e potencial de replicación.
O Atlas destacou “o emprego dunha intelixencia artificial ética, modelos locais e tecnoloxías de código aberto para facer a comunicación pública máis accesible, transparente e de confianza”.
Para o PSM Research Team resulta “clave” que as institucións e os medios públicos non dependan duns poucos grandes provedores de IA. E engaden: “A nosa plataforma permite a cada entidade escoller o modelo, onde se aloxan os datos e como se controla o sistema, con garantías de privacidade, transparencia e confianza”, precisan.
VALUEbot facilita o acceso á información institucional, documentos e informes mediante interfaces de conversa.
Segundo explican dende o quipo PSM de Novos Medios, a ferramenta foi desenvolvida desde 2024 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e conta cunha arquitectura modular que permite integrar diferentes modelos de intelixencia artificial, tanto aloxados na nube como executados localmente. “Esta característica favorece a independencia tecnolóxica, a privacidade e o control institucional sobre estes sistemas, nun contexto de crecente dependencia dos grandes provedores”, engaden.
O proxecto estivo dirixido por Miguel Túñez López, investigador principal, e contou coa coordinación científico-técnica de Isaac Maroto González, responsable do deseño e desenvolvemento metodolóxico da plataforma.
A investigación, titulada Creación de una plataforma generadora de chatbots mediante IA para la comunicación del valor público del PSM. VALUEbot“(PDC2023-145885-I00), foi financiada por MCIN/AEI/10.13039/501100011033 e pola Unión Europea a través de “NextGenerationEU”/PRTR.
Validación con medios públicos europeos e universidades
A ferramenta foi validada coa participación de 17 profesionais e expertos de medios públicos europeos, entre eles CRTVG, CMMTV, Canal Sur, Yle e NPO, así como cun grupo focal na Universidade de Tampere.
Ademais, utilizouse para difundir o informe da Cátedra CIRCOM da Universidade de Vigo durante a conferencia anual de CIRCOM de 2025. As probas, realizadas con 40 proxectos experimentais e 85 chatbots, xeraron 1.117 rexistros de conversación.
A evolución do proxecto deu lugar a un acordo de colaboración entre a USC e a Universidade de Vigo para promover o uso de VALUEbot con fins didácticos e divulgativos. “Supón”, sinalan dende o grupo de investigación, “un novo paso na transferencia dos resultados da investigación e amplía as súas aplicacións nos ámbitos académico, educativo e de divulgación do coñecemento”.
Polo que respecta ao Atlas of Innovation in Public Communication, é unha iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), desenvolvida en colaboración con Catálise Social, que busca identificar e recoñecer prácticas innovadoras de comunicación pública de todo o mundo.

