
A formación en competencias dixitais centrará as vindeiras catro actividades previstas en novembro na Aula CEMIT de Tui. As dúas primeiras serán o martes 3 e o xoves 5 de novembro e chegan da man da Fundación Cibervoluntarios.
O primeiro dos obradoiros Expertclick vai dirixido a persoas maiores de 55 anos que poderán aprender a configurar o teléfono móbil, realizar conversas ou videochamadas, descargar aplicacións, gozar de museos virtuais, música, facer xestións coa banca dixital, pedir unha cita médica en liña,… Consta de 4 horas lectivas a impartir de 10 a 12 h.
Tamén o martes 3 e o xoves 5 celebrarase a actividade Extraordinarias. Trátase dun proxecto destinado a mulleres que nesta actividade formativa coñecerán as ferramentas dixitais que poden axudar a impulsar o seu negocio, como comercio electrónico ou mercadotecnia dixital. Serán en horario de 18 a 20 h.
Para estas dúas actividades a inscrición debe realizarse no realizarse no teléfono 670 24 56 33 ou no correo cfo@tui.gal.
Por outra parte o martes 10 de novembro 15 a 17 h impartirase o obradoiro IA para reducir custes na túa empresa. Esta actividade está organizada pola Oficina Acelera Peme de ASIME, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, coa colaboración do Concello de Tui. O obradoiro será impartido por Joaquín González de Informática San Benito.
As persoas participantes aprenderán a empregar ferramentas sinxelas de IA para optimizar os recursos do seu negocio. Será unha sesión 100% práctica na que coñecer como dar a IA as instrucións precisas, como automatizar tarefas administrativas, analizar as contas ou crear un axudante virtual. O obradoiro vai dirixido a autónomos, microempresas, comercios locais, e pemes de calquera sector. As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web de ASIME.
E por último o xoves 12 celebrarase a actividade Prepárate para un Nadal Ciberseguro, que forma parte da programación da Rede CeMIT. Na sesión, que se celebrará das 17.00 ás 18.30 h, explicarase como realizar compras en liña de forma segura e detectar webs ou ofertas sospeitosas; como recoñecer fraudes, sorteos falsos, mensaxes enganosas e outras estafas típicas destas datas; e como protexer correctamente xoguetes intelixentes e dispositivos conectados que se poden recibir como agasallo.
A inscrición pode realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT no apartado da Aula de Tui, no 986 60 37 47 en horario matinal ou no correo cemit.tui@xunta.gal.

