
Fala.gal, a plataforma gratuíta para crear webs e blogs en galego, vén de facer balance da súa actividade recente neste ámbito. Segundo indican os seus impulsores, o servizo rexistrou 162 novas altas entre agosto e outubro de 2026, fronte ás sete do mesmo período do ano anterior. “Esta cifra supón multiplicar por 23 o número de novas incorporacións e supera, ademais, todas as rexistradas durante os dous anos anteriores xuntos”, explican, engadindo que este crecemento coincide co lanzamento de Fala 1.0, unha renovación completa da plataforma presentada o pasado 18 de setembro.
A dita actualización busca “eliminar as barreiras técnicas para publicar contidos en galego na Internet”. O proceso culmina agora coa migración de todos os sitios existentes ao novo sistema.
Dende 2020
Desde a súa posta en marcha en 2020, Fala permitiu crear máis de 680 webs e blogs e conta actualmente con 639 persoas usuarias. Entre os proxectos que acolle figuran blogs persoais, asociacións, iniciativas culturais e espazos dedicados á divulgación, á lingua ou á gastronomía.
Crear unha web en galego sen saber de tecnoloxía

A nova versión de Fala nace cun obxectivo: “Que calquera persoa poida ter o seu propio espazo na Internet, en galego, sen necesidade de coñecementos técnicos nin de contratar un aloxamento web”, indica Anxo Sánchez, responsable da plataforma, engadindo que “para acadalo, esta substituíu o tradicional escritorio de WordPress por unha interface propia, integramente en galego, que simplifica a publicación de contidos e a personalización das páxinas”.
A través deste servizo actualizado, as persoas usuarias poden escoller as cores, as tipografías e a distribución dos elementos da súa web, importar contidos de Blogger ou WordPress.com e consultar as estatísticas de visitas sen utilizar cookies de seguimento.
Ademais, Fala é completamente gratuíta, non inclúe publicidade e permite exportar os contidos en calquera momento, para que cada persoa manteña o control sobre o que publica.
“O galego precisa ter presenza na Internet aberta, non depender exclusivamente do que publicamos nas redes sociais. Queremos que calquera persoa, asociación ou pequeno proxecto poida ter un espazo propio no que compartir o que fai, o que sabe ou o que lle interesa, sen que a tecnoloxía nin o custo sexan un impedimento”, explica Anxo Sánchez.
Media Laranxa, un exemplo do que se pode facer con Fala
Entre os proxectos que forman parte da rede destaca Media Laranxa, un blog dedicado á gastronomía, á horta, á lingua e ás tradicións galegas que utiliza Fala desde outubro de 2020.
O espazo reúne máis de 140 publicacións e foi recoñecido en 2021 co Premio Mil Primaveras ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial.
Coa chegada da nova versión, Media Laranxa puido renovar a súa aparencia sen perder o arquivo de contidos construído ao longo destes anos. “É un exemplo de como Fala permite desenvolver proxectos dixitais propios en galego e mantelos no tempo”, salienta Anxo.
Unha Internet con máis contidos en galego

Alén de ofrecer unha ferramenta tecnolóxica, Fala pretende contribuír a que aumente a presenza do galego na Internet, especialmente en espazos propios, accesibles desde os buscadores e que non dependan exclusivamente das grandes plataformas sociais.
“O proxecto aposta por unha web aberta, na que as persoas manteñan o control sobre os seus contidos e poidan publicalos sen publicidade nin explotación comercial dos seus datos”, apunta Anxo, lembrando que a infraestrutura necesaria para o funcionamento da rede conta co patrocinio da empresa galega Dinahosting.
“Calquera persoa interesada pode crear a súa web de balde a través da nosa ferramenta de creación. O proceso permite escoller un enderezo, rexistrarse e seleccionar un deseño para comezar a publicar”, sinala.

