
Desde as 11:00 horas de hoxe e ata as 11:00 horas do venres, 6 de novembro, está aberto o prazo para decidir os premios do público do VII Certame Galetiktokers convocado polo Concello de Ames. Os vídeos presentados ao concurso xa están publicados no perfil de Instagram @xuventudeames.
Esta iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames pretende estimular a creatividade da mocidade animando á creación audiovisual en galego. Gañará o premio do público en cada categoría o vídeo con maior alcance, é dicir, o que se faga máis viral en 48 horas. Calquera persoa pode apoiar os seus vídeos favoritos véndoos e compartíndoos. Nesta sétima edición presentáronse 40 vídeos, realizados por 78 mozos/as de 24 localidades distintas.
Os 40 anos presentados este ano foron creados por 78 mozos/as de 24 localidades distintas (Ames, Barro, Boiro, Bueu, Camariñas, Catoira, A Caniza, Cerceda, A Coruña, Dodro, A Fonsagrada, Lalín, Mos, Negreira, Ordes, Ourense, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Xermade).
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 16 vídeos creados por 53 participantes. Na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) hai outros 24 vídeos admitidos, realizados por 25 persoas.
Os 40 vídeos presentados ao certame optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros. Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames @xuventudeames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Premios do público
O prazo para presentar vídeos rematou o 30 de outubro. Agora, como dixemos, abre un prazo de dous días para apoiar, a través do Instagram @xuventudeames, os vídeos presentados.
Todas as pezas admitidas xa están subidas ao Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames) co cancelo #galetiktokers.
Deste xeito, dous dos premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para apoiar os seus vídeos favoritos a través do dito perfil de Instagram. Gañará o vídeo con maior alcance, é dicir, o que se faga máis viral en cada unha das categorías.
O cómputo do alcance realizarase o venres 6 de novembro, ás 11:00 horas.
Premios do xurado
Ademais, nos vindeiros días reunirase o xurado, para valorar as pezas presentadas e determinar os premios do xurado (catro premios). O xurado está formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Nesta sétima edición o xurado está composto pola xornalista, Paula Pérez Cantelar; o creador de contido, David Ramos Arcos; e a comunicadora audiovisual e produtora, Noelia Francisco Lens. En representación do Concello de Ames, actuará como secretaria a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o sábado, 21 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Proximamente daranse máis detalles da gala de entrega de premios do VII Certame Galetiktokers.

