
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou hoxe máis detalles da nova aplicación informática SERGAS Prof, que facilitará a xestión de máis de 60.000 teleconsultas ao ano. Acompañado polo xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, visitou o Centro de Saúde de Vite na capital de Galicia con motivo do inicio deste proxecto piloto que comeza esta semana nesta infraestrutura da rede de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
O conselleiro dixo que a Xunta destina máis de 207.000 euros para dotar aos sanitarios dunha aplicación que lles vai permitir obter, no eido da teledermatoloxía, imaxes de calidade médica guiada por intelixencia artificial, e facelo na consulta ou fóra dela, no caso de atención a domicilio.
Ademais, engadiu, “permitirá a integración das imaxes na historia clínica electrónica do SERGAS directamente desde o dispositivo móbil”.
Gómez Caamaño apuntou que Galicia “é referente nacional ao dispoñer, desde hai 20 anos, dunha historia clínica única tanto para o nivel de atención primaria como hospitalario, o que posibilita ao departamento sanitario galego estar á vangarda en avances tecnolóxicos”.
O conselleiro referiu que “a nova aplicación que agora se pon en marcha facilitará a captura de imaxes dermatolóxicas que os médicos de familia comparten cos dermatólogos, optimizando a coordinación entre niveis asistenciais”. En concreto, as teleconsultas de dermatoloxía realizadas este ano xa superan as 56.000. Estas teleconsultas, dixo, “estarán respaldadas por esta ferramenta informática que, no futuro, permitirá empregar algoritmos de axuda ao diagnóstico, sempre como apoio ao criterio clínico do médico”.
Segundo subliñou o conselleiro, a nova aplicación supón “un grande avance na calidade asistencial, posto que vai permitir axilizar diagnósticos, reducir os tempos de espera e evitar desprazamentos innecesarios, achegando a atención hospitalaria aos pacientes que o necesitan a través dunha mellor coordinación co primeiro nivel asistencial”.
Gómez Caamaño explicou que o Sergas está a testar SERGAS Prof en tres centros de saúde. Así, comezouse con ela hai 15 días no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, a semana pasada no de Sárdoma en Vigo e agora arranca a proba no de Vite, en Santiago.

