
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou onte na apertura da sétima edición de Talentos Inclusivos. O proxecto, impulsado polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña co apoio do Concello, reúne este curso quince centros educativos para traballar en solucións tecnolóxicas que respondan ás necesidades cotiás das persoas con discapacidade, segundo se fixo saber no acto de inauguración.
Durante o acto, celebrado na Domus, Canosa subliñou o valor de conectar a ciencia e a educación coa experiencia de quen convive cada día con esas necesidades: “As persoas que van utilizar esas solucións non poden quedar á marxe do seu deseño. A súa experiencia, a súa opinión e a súa capacidade para decidir son fundamentais”, afirmou.
Destacou que Talentos Inclusivos permite que alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional aplique os seus coñecementos a retos propostos por persoas con discapacidade, coa colaboración do profesorado, do persoal investigador e dos profesionais das entidades. O traballo aborda necesidades relacionadas coa comunicación, o acceso aos dispositivos tecnolóxicos, as actividades da vida diaria ou a participación no deporte e no lecer.
A concelleira defendeu tamén “a transferencia do coñecemento á sociedade e a colaboración entre quen investiga, quen desenvolve tecnoloxía e quen coñece de primeira man as necesidades das persoas”. Segundo explicou, o valor dunha solución debe atender á súa capacidade para facilitar a vida cotiá e ampliar as posibilidades de participación.
“O coñecemento, a investigación e a tecnoloxía deben estar ao servizo da cidadanía, é unha das premisas que defende o Goberno de Inés Rey”, resumiu Canosa, que vinculou o apoio municipal ao proxecto coa responsabilidade das administracións de crear contornas accesibles e favorecer a participación. Para avanzar nese traballo, salientou a necesidade de contar co coñecemento das universidades, dos centros educativos e das entidades sociais, incluídos os seus profesionais e as persoas usuarias. A concelleira agradeceu o traballo de ASPACE Coruña e do CITIC e a implicación do alumnado, do profesorado e das persoas participantes nesta nova edición.
Talentos Inclusivos está promovido pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e conta co apoio do Concello da Coruña, do Consello Social da UDC e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O acto desta mañá pechouse coa apertura do espazo expositivo do proxecto na Domus.

