
nVIDIA anunciou a apertura dunha investigación independente sobre a relación do seu conselleiro delegado e cofundador, Jensen Huang, cunha directiva empresarial que os servizos de intelixencia estadounidenses consideran vinculada ao espionaxe chinés. A decisión chega despois de que o propio Huang recoñecese ante o consello de administración que mantivo unha relación íntima con Alice Huang, tamén coñecida como Huang Le, unha executiva que estaría a transmitir información directamente a Pequín.
A investigación estará supervisada por un comité de conselleiros independentes e contará co asesoramento dun equipo xurídico externo. O consello de administración explicou que, polo momento, non ten motivos para pensar que se comprometesen segredos industriais de nVIDIA nin información relacionada coa seguridade nacional estadounidense, pero considera necesario examinar todas as informacións dispoñibles.
Jensen Huang manifestou o seu apoio á investigación e comprometeuse a colaborar plenamente. Manterase no cargo de conselleiro delegado mentres se desenvolven as pescudas, segundo confirmou a dirección. O voceiro John Rizzo asegurou que a situación non afectará á actividade da multinacional nin á continuidade do liderado de Huang.
O máximo responsable de nVIDIA tamén enviou unha comunicación interna aos empregados na que pediu desculpas pola súa relación extramatrimonial. «Funlle infiel á miña muller. As miñas accións fixéronlle dano a ela e aos nosos fillos. Non hai ningunha xustificación para o que fixen. Síntoo profundamente», recoñeceu.
Na mesma mensaxe asumiu a responsabilidade polas consecuencias persoais e profesionais dos seus actos e referiuse expresamente ás preocupacións sobre seguridade nacional recollidas nas informacións xornalísticas. Huang afirmou que está comprometido coa protección de nVIDIA e coa seguridade dos Estados Unidos.
As sospeitas dos servizos de intelixencia estadounidenses están relacionadas coa actividade de Alice Huang, unha cidadá chinesa que traballou como xornalista de televisión no seu país antes de incorporarse á dirección dunha empresa de centros de datos con sede en Singapur. Megaspeed, a compañía que dirixe, converteuse nun dos principais clientes de nVIDIA no sueste asiático, cunha adquisición de máis de 4.800 millóns de dólares en chips durante os dous últimos anos.
As autoridades estadounidenses consideran que Huang estaba a recompilar información para o Goberno chinés e a trasladala directamente a Pequín. A relación entre ambos adquiriu especial relevancia pola posición de Jensen Huang no sector da intelixencia artificial e pola súa influencia nas decisións políticas e comerciais relacionadas coa exportación de semicondutores avanzados.
A actividade de Megaspeed xa estaba baixo escrutinio das autoridades estadounidenses. O Departamento de Comercio investigaba se a empresa estaba a facilitar a entrada en China de chips de intelixencia artificial sometidos a restricións de exportación. nVIDIA continuou mantendo relacións comerciais coa firma mesmo despois de que se fixese pública esa investigación. Jensen Huang e Alice Huang non teñen parentesco.
Inicialmente, tanto nVIDIA como o seu conselleiro delegado restaron importancia aos vínculos coa executiva. Nunha entrevista concedida a Bloomberg a finais de outubro, Huang describira as súas interaccións con ela como relacións comerciais vinculadas a Megaspeed e cualificáraas de «completamente normais».
A investigación independente pretende agora determinar se esa relación tivo consecuencias para a seguridade da multinacional ou para os intereses estratéxicos estadounidenses. O consello de administración reiterou a súa confianza en Huang e no equipo directivo, e sinalou que comunicará novas informacións cando o considere oportuno.
