
A plataforma TikTok está a permitir a difusión de cantidades importantes de material de abuso sexual infantil, mesmo despois de recibir denuncias específicas sobre a existencia destes contidos. Así o pon de manifesto unha investigación de Maldita.es, que durante 35 días de recollida e análise de datos identificou máis de 1.000 vídeos e imaxes explícitas de abusos a menores publicados en máis de 200 perfís da rede social. O material acumulaba arredor de 48 millóns de visualizacións.
Para comprobar a resposta dos mecanismos de moderación de TikTok, a organización seleccionou 50 vídeos e denunciounos como contido ilegal a través dos procedementos habilitados pola propia plataforma. O resultado, segundo os datos publicados, foi especialmente preocupante: TikTok só eliminou cinco deles, o 10 % da mostra. Outros 13 quedaron bloqueados exclusivamente para usuarios de España, mentres que 29 foron considerados inicialmente conformes coas normas da plataforma. Nos tres casos restantes non houbo unha resolución efectiva dentro do período de comprobación.
A organización tamén recorreu as decisións de non retirar os contidos. Porén, as novas revisións tampouco ofreceron resultados satisfactorios. Mesmo despois de identificar expresamente o material como abuso sexual infantil e citar o artigo 189 do Código penal español, TikTok mantivo boa parte das súas decisións iniciais.
O seguimento realizado 72 horas despois das denuncias revelou que 12 dos 50 vídeos continuaban dispoñibles e que 18 das 47 contas implicadas seguían activas. O dato resulta especialmente significativo se se ten en conta que oito das 17 contas cuxos vídeos foran retirados ou bloqueados conseguiron manterse operativas.
Contidos con millóns de reproducións
Os 50 vídeos denunciados acumulaban 8,8 millóns de visualizacións e máis de 148.000 gústame. Ademais, foran gardados como favoritos en máis de 18.000 ocasións. O contido máis popular superaba os catro millóns de reproducións.
Maldita.es tamén chama a atención sobre o funcionamento do sistema de recomendación Para ti. As contas investigadas sumaban uns 70.000 seguidores e os vídeos da mostra foran compartidos menos de 14.000 veces, polo que a organización considera que o volume de reproducións apunta á intervención dos mecanismos de recomendación da propia plataforma.
A investigación documentou, ademais, comentarios nos que usuarios solicitaban acceso aos vídeos completos ou ofrecían canles externas, entre elas Telegram e Zangi, para conseguir este tipo de material. A análise global identificou centos de interaccións deste tipo.
Posibles incumprimentos da normativa europea
A organización cuestiona que TikTok estea a cumprir as obrigas establecidas polo Regulamento de Servizos Dixitais (DSA). Esta normativa esixe ás plataformas actuar con dilixencia para retirar ou bloquear o acceso a contidos ilícitos cando teñen coñecemento da súa existencia.
A esixencia é especialmente relevante no caso de TikTok, designada pola Comisión Europea como plataforma en liña de moi grande tamaño. Esta condición obrígaa a avaliar e reducir os riscos sistémicos dos seus servizos, incluídos os relacionados coa difusión de contidos ilegais e coa protección dos menores.
No ámbito español, o artigo 189 do Código penal establece penas de prisión para diferentes condutas relacionadas coa produción, distribución e difusión de pornografía infantil.
Maldita.es sinala que non puido determinar se as denuncias foron examinadas por persoas ou resoltas mediante sistemas automatizados. A organización tamén indica que, tras contactar con TikTok para solicitar explicacións sobre os fallos detectados e os mecanismos de protección da infancia, a compañía limitouse a pedir información adicional, sen responder ás cuestións formuladas.
Tras a publicación da denuncia de Maldita.es, a ministra de Xuventude e Infancia do Goberno de España, Sira Rego, manifestou que dende o seu ministerio solicitaron á Fiscalía a apertura dunha investigación, así como tamén solicitaron unha reunión de urxencia cos representantes de TikTok en España.
