
A Coruña acollerá os días 23 e 24 de abril de 2027 a quinta edición da Datolada, un encontro que reúne profesionais dos datos, a tecnoloxía, o márketing, as vendas e a intelixencia artificial arredor dunha experiencia que busca potenciar as relacións persoais e o intercambio de coñecementos.
A organización aspira a que sexa unha edición especial para conmemorar os cinco anos do evento, cunha programación que pretende manter o espírito de convivencia das convocatorias anteriores. O encontro reivindica precisamente a importancia das relacións presenciais nun momento no que as pantallas e as ferramentas dixitais ocupan boa parte da actividade profesional e persoal.
As conversas, os reencontros e a oportunidade de coñecer presencialmente persoas coas que ata agora só existía relación a través de Internet forman parte da identidade da Datolada. A organización define o evento como unha ocasión para compartir experiencias profesionais, pero tamén para establecer amizades e estreitar vínculos entre os asistentes.
A venda de entradas comezará cunha promoción especial de 24 horas. O xoves 12 de novembro, ás 8:00 horas, abrirase a venda flash de billetes para a edición de 2027, cun prezo reducido durante esa primeira xornada. A adquisición poderá realizarse a través do sitio web oficial.
