
A gala da XXV edición dos Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 27 de febreiro en Palexco, na Coruña. A Academia Galega do Audiovisual anunciou a data e a localización nun acto no Concello coruñés no que participaron a súa presidenta, Lucía Veiga, e a alcaldesa, Inés Rey.
A cidade herculina recupera así a cerimonia dous anos despois da súa última celebración, coincidindo cunha edición especialmente significativa polo 25 aniversario dos galardóns. A Coruña acolleu ata o momento 14 galas, desde a primeira delas en 2006, tamén en Palexco. O Teatro Colón, o Palacio da Ópera, ExpoCoruña e o Coliseum foron outros dos escenarios que recibiron a entrega de premios.
Lucía Veiga destacou a vinculación histórica da Academia coa cidade, onde celebrou a súa primeira asemblea constitutiva hai 25 anos e mantén a súa sede permanente. «Nunha edición tan especial, tiñamos claro que había que volver á casa. Cumprir 25 anos é un fito que merece unha celebración á altura», afirmou. A presidenta definiu a gala como unha homenaxe aos profesionais que construíron o audiovisual galego e unha celebración do futuro do sector.
Inés Rey salientou tamén a relación histórica da Coruña co cinema e coa creación audiovisual, así como a importancia de recuperar a gala nun aniversario tan destacado. A alcaldesa considerou que a celebración supón «unha magnífica noticia para a cidade e para todo o sector cultural coruñés».
A XXV edición contará cun programa de actividades arredor do audiovisual galego en diferentes espazos da cidade. A presentación oficial terá lugar o vindeiro 18 de novembro, cando se darán a coñecer as candidaturas aos premios e as primeiras iniciativas previstas para conmemorar o aniversario.
