
Alejandro Buján, un enxeñeiro informático natural de Melide, é o responsable de Tendedero, unha aplicación de balde e de código aberto para macOS que propón unha xeito diferente de xestionar as capturas de pantalla e outros elementos que se copian no ordenador: deixalos pendurados nunha corda virtual situada na parte superior da pantalla.
A aplicación aproveita a zona superior do escritorio para manter accesibles as capturas realizadas co Mac. Cando o usuario achega o punteiro ao centro da barra de menús, a corda baixa e amosa os elementos que están pendurados nela. Ao afastalo, recóllese de novo e desaparece da vista, permitindo manter o escritorio despexado sen perder o acceso ás imaxes.

O funcionamento baséase en xestos sinxelos. Un clic permite copiar unha captura, mentres que manter premido o botón do rato ábrea en Marcación para engadir anotacións. O dobre clic abre a imaxe en Vista Previa e tamén é posible arrastrala directamente a outras aplicacións ou cartafoles. As capturas poden eliminarse individualmente ou seleccionarse varias á vez para realizar operacións conxuntas.
Tendedero tamén permite pendurar gravacións de pantalla, que aparecen cun botón de reprodución e poden recortarse mantendo premido o rato. A aplicación incorpora, ademais, un sistema para xestionar outros contidos do portapapeis, como textos, ligazóns e imaxes. Esta función pódese activar individualmente desde a barra de menús.
Os textos copiados aparecen como notas, conservando o formato e permitindo visualizar correctamente contidos escritos en Markdown ou fragmentos de código. As ligazóns amósanse co nome do sitio web e a súa ruta, mentres que as imaxes copiadas poden incorporarse á corda directamente desde Vista Previa.
A ferramenta inclúe un buscador que permite localizar elementos a partir do seu contido. No caso das capturas de pantalla, Tendedero utiliza recoñecemento de texto para indexar as palabras que aparecen nas imaxes, un proceso que se realiza directamente no Mac. O atallo Control + Opción + F permite abrir a busca e filtrar os elementos pendurados.
Alejandro Buján desenvolveu a aplicación utilizando Swift, AppKit e SwiftUI. O programa ocupa apenas 5,1 MB e funciona en equipos con procesadores Apple Silicon ou Intel que executen macOS 14 Sonoma ou unha versión posterior. Está dispoñible de balde baixo licenza MIT e, para tranquilidade dos usuarios, o programa está asinado cun certificado de Developer ID, notarizado por Apple. Cómpre salientar que está dispoñible en galego, detalle pouco habitual nas aplicacións para macOS.
