
A primeiros de ano recibimos unha nova entrega da serie de videoxogos Super Woden do vigués Víctor Justo Dacruz (ViJuDa), o Super Woden: Rally Edge, que mantén o enfoque arcade, afastándose da simulación deportiva e apostando pola diversión directa como facían os clásicos xogos de recreativa.

Este novo xogo presenta unha aparencia gráfica renovada, conseguindo unha identidade que a diferenza dos anteriores Super Woden GP (que terán unha terceira entrega en 2027), e pode adquirirse en formato dixital para PC, Nintendo Switch, consolas Xbox e PlayStation 4 e 5.

Pero os amantes do formato físico teñen agora a oportunidade de facerse con este xogo nunha edición moi especial que veñen de incorporar a Museo do Videoxogo de Galicia. Trátase do Super Woden: Rally Edge para PlayStation 5 editado por Funbox Media nunha edición que inclúe os tres xogos da franquía Super Woden e as súas respectivas bandas sonoras orixinais. O prezo oficial do xogo é de 24,99 libras esterlinas pero, curiosamente, a cadea de tendas Todoconsolas está a comercializado de oferta a 27,99 euros con envío de balde, o que supón un aforro considerable.
Funbox Media tamén comercializa unha versión para Nintendo Switch a 34,99 libras esterlinas, que Todoconsolas vende a 35,95 euros, o que volve resultar un prezo moi axustado para unha recompilación que permite preservar este videoxogo galego dun xeito tradicional.
Lembremos que Todoconsolas non só vende pola Internet, senón que tamén ten establecementos comerciais na Coruña, en Santiago de Compostela, en Narón, en Lugo e en Vigo, tendo actualmente existencias do xogo de ViJuDa en todas as cidades, mentres que tendas en liña como Amazon venden o título a un prezo superior e con prazos de entrega bastante longos por importar o xogo dende Reino Unido.
