
O proxecto Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, mostrou como impulsar a autonomía das persoas con discapacidade (e como implicar ao alumnado de Secundaria para acadalo) durante a súa participación na XII edición de SIMO Educación, Salón Internacional de Tecnología e Innovación Educativa, celebrada do 11 ao 13 de novembro en IFEMA Madrid, que reuniu profesionais do sector para compartir experiencias, iniciativas e propostas que contribúen a transformar o ensino.
Na intervención do CITIC, titulada Contidos STEM na aula para a inclusión. Un caso de éxito co proxecto Talentos Inclusivos, deuse a coñecer unha experiencia educativa na que a innovación se pon ao servizo das persoas.
A primeira parte da intervención contou coa participación de Javier Pereira, responsable do proxecto, e Irene Brage, project manager, que explicaron como funciona esta iniciativa, que leva sete cursos académicos achegando ao alumnado de Secundaria e Bacharelato a realidade das persoas con parálise cerebral mediante o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas adaptadas ás súas necesidades.

O punto de partida do proxecto son, segundo lembraron, “situacións e dificultades da vida cotiá das persoas con discapacidade”. A partir delas, o alumnado traballa durante o curso para comprender os problemas expostos, buscar alternativas e deseñar e construír dispositivos ou ferramentas que poidan facilitar determinadas tarefas e favorecer a autonomía persoal. As propostas próbanse e mellóranse coa participación das propias persoas usuarias, que desempeñan un papel fundamental en todo o proceso.
“Esta forma de traballar”, sinalaron os investigadores do CITIC, “permite que a mocidade aprenda programación, deseño e outras disciplinas científicas e tecnolóxicas a través de experiencias prácticas, pero tamén que coñeza de preto a realidade das persoas con discapacidade, desenvolva a súa empatía e descubra como os seus coñecementos poden contribuír a mellorar a sociedade”.
O proxecto baséase na colaboración entre centros educativos, persoas con discapacidade e profesionais de entidades sociais como ASPACE Coruña, APAMP e Amencer-ASPACE, xunto co persoal investigador do CITIC da Universidade da Coruña e persoas voluntarias de Inditex. Durante a sesión tamén se presentou EDIGIT, a versión internacional de Talentos Inclusivos, desenvolvida no marco do programa europeo Erasmus+, que permite estender esta experiencia a outros países e contextos educativos.
Tres cursos de aprendizaxe e colaboración nas aulas

A segunda parte da intervención permitiu coñecer o proxecto dende a perspectiva do profesorado. Fina Paulos e Óscar Rey, docentes do IES Maximino Romero de Lema da Coruña, compartiron como foi a incorporación de Talentos Inclusivos á actividade do centro e que supuxo para o seu alumnado participar nunha iniciativa que conecta a aprendizaxe na aula coas necesidades reais doutras persoas.
Ambos destacaron “a implicación e motivación do alumnado cando descobre que os coñecementos adquiridos na clase poden ter unha aplicación directa e axudar a mellorar a vida doutra persoa”. Tamén explicaron como os estudantes se enfrontan a retos que requiren escoitar, comprender as necesidades doutras persoas, traballar en equipo, achegar ideas e atopar solucións que despois deben poñer a proba e perfeccionar.
Durante a súa intervención, presentaron algunhas das solucións desenvolvidas polo seu alumnado, explicando que necesidades pretendían cubrir e como fora o proceso de creación. Estes exemplos permitiron mostrar de forma práctica como a tecnoloxía e a creatividade poden converterse en ferramentas para eliminar barreiras e favorecer unha maior autonomía das persoas con discapacidade.

Sinalaron que “a experiencia do IES Maximino Romero de Lema reflicte o potencial de Talentos Inclusivos como modelo educativo: unha proposta que vai máis alá do ensino de contidos tecnolóxicos e que converte o alumnado en protagonista de proxectos cun impacto social tanxible”.
Ao mesmo tempo, fomenta valores como a cooperación, a responsabilidade, a empatía e o compromiso cunha sociedade máis inclusiva, engadiron.
