
As dúbidas (moitas) e certezas arredor da intelixencia artificial centrarán un ciclo de conversas da UDC en clave divulgativa e social (aberto para toda a cidadanía). Trátase do ciclo LoIA? Que nos están contando. Conversas sobre intelixencia artificial e sociedade, concibido, en palabras da Universidade da Coruña como “un espazo para compartir coñecemento, formular preguntas e reflexionar sobre como a intelixencia artificial está a transformar a nosa sociedade desde o pensamento crítico e o diálogo plural, deixando a un lado a rumoroloxía, de aí a referencia do ciclo ás loias”.
Pensadas como actividades abertas á cidadanía, de acceso libre ata completar aforo, as diferentes sesións abordarán cuestións relacionadas coa educación, a información, a igualdade ou a regulación da intelixencia artificial a través de conversas con especialistas de diferentes ámbitos.
A primeira cita celebrarase mañá ás 18:30 horas, na Fundación Paideia, baixo o título LoIA na aula: aprender ou delegar? Proporá a reflexión sobre o momento actual da incorporación da intelixencia artificial á educación. A conversa partirá dunha cuestión clave: estamos xa ante unha transformación estrutural da maneira de ensinar e aprender ou seguimos nunha etapa de exploración e experimentación? A partir dela abordaranse cuestións como o impacto da IA no traballo docente, os cambios nos hábitos de aprendizaxe do alumnado, os límites éticos do seu uso e os retos que estas ferramentas supoñen para o pensamento crítico e a avaliación.
A conversa contará coa participación de Ana Sánchez Bello, decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e investigadora do Grupo de Investigación en Innovacións Educativas (GIE). Ao longo da súa traxectoria mantivo un firme compromiso coa promoción dunha educación máis inclusiva e equitativa, desenvolvendo investigación sobre currículo, políticas educativas, igualdade e inclusión. O seu traballo conecta cos principais retos sociais e educativos que afrontan Galicia e Europa, especialmente no ámbito da cohesión social, a equidade e a formación dunha cidadanía crítica e participativa.
Xunto a ela intervirá Francisco Bellas Bouza, catedrático da Universidade da Coruña e investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría no CITIC, onde traballa en intelixencia artificial aplicada desde 1999. Autor de máis de corenta publicacións en revistas científicas internacionais, participou en arredor de medio cento de proxectos de investigación e innovación. A súa actividade céntrase principalmente na robótica cognitiva e na aplicación da intelixencia artificial á educación.
Bellas colabora ademais con organismos internacionais como o European Digital Education Hub, a UNESCO ou a Fundación Asia-Europa, e imparte regularmente formación a docentes de distintos países europeos sobre o uso eficiente, ético e responsable da intelixencia artificial nas aulas.
Próximas sesións
O ciclo continuará o 17 de decembro coa sesión LoIA na rede: verdade, mentira e algoritmos, na que participarán o investigador do CITIC Javier Parapar e a profesora e investigadora da Facultade de Ciencias da Comunicación Teresa Piñeiro. A conversa abordará o papel dos algoritmos na creación, distribución e consumo de información, así como os retos no que respecta á veracidade dos contidos e a formación da opinión pública.
O 14 de xaneiro celebrarase LoIA e igualdade: reproduce ou combate os nesgos?, coa participación da investigadora e vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial da UDC, Laura Castro, que analizará como os sistemas de intelixencia artificial poden reproducir prexuízos e desigualdades xa presentes nos datos cos que son adestrados e que medidas se poden adoptar para minimizalos.
O ciclo rematará o 18 de febreiro con LoIA ante a lei: quen decide as regras?, unha sesión a cargo de Natalia Álvarez, centrada nos desafíos normativos e xurídicos asociados ao desenvolvemento e uso da intelixencia artificial e nos mecanismos que están a impulsar institucións nacionais e internacionais para regular esta tecnoloxía.
