
Xbox publicou unha revista especial con motivo do seu 25 aniversario, unha edición conmemorativa que percorre a historia da marca desde o lanzamento da súa primeira consola e que tamén reserva espazo para os xogos e proxectos que están por chegar.
A publicación, titulada Xbox: The 25th Anniversary Magazine, está dispoñible para a súa lectura en liña e nace como unha homenaxe aos xogadores que acompañaron a evolución da plataforma durante o último cuarto de século. A edición impresa distribuíuse entre os asistentes ao Xbox FanFest celebrado en Seattle a semana pasada.
O contido percorre diferentes etapas da historia de Xbox a través dos seus videoxogos, consolas e momentos máis representativos. A revista incorpora tamén achegas dos equipos responsables do desenvolvemento dos produtos e servizos da marca, con lembranzas de franquías coñecidas e información sobre a evolución do ecosistema de xogos.
A publicación non se limita á nostalxia. Tamén adianta detalles de títulos aínda non estreados, como Fable, do que ofrece información sobre Bowerstone, a súa cidade capital. Este contido aparece na páxina 38 da revista.
A iniciativa recupera o formato das revistas especializadas que contribuíron a dar a coñecer a Xbox orixinal entre os xogadores hai 25 anos. A edición dixital permite consultar a publicación nun lector interactivo con opción de pantalla completa.
