
O Cormorán Film Fest pechou o sábado 14 de novembro a súa VII edición cunha asistencia superior á do ano pasado e co maior número de estreas da súa historia, entre elas 5 longametraxes presentadas por primeira vez en España, segundo confirmou a organización (Cormorán Cinema co apoio do Concello da Coruña e a Deputación, entre outras entidades). Ademais, por primeira vez as películas da sección oficial compartiron un mesmo tema. Baixo o lema Filmar á familia, as longas e curtas da competición exploraron os vínculos familiares a través da memoria, dos coidados e das ausencias.
“Estamos moi contentos coa resposta do público, tanto pola acollida da programación como pola participación nas charlas e nos coloquios. Ter un tema común axudou a ir fiando unha película coa seguinte e é algo que queremos manter na próxima edición”, sinalou Manuel Lógar, director do festival coruñés, engadindo que “o documental tivo un peso destacado na programación dun festival que aposta polo cinema narrativo e independente e por achegar ao público novas formas de contar”.

O xurado concedeu o Ámbar do Cormorán á mellor película a A Want in Her, de Myrid Carten, pola “honestidade coa que a directora converte a busca da súa nai desaparecida nun retrato familiar e fai da cámara unha forma de coidar”.
Mariinka, de Pieter-Jan De Pue, levou o Premio do Público cun retrato de cinco vidas marcadas pola guerra en Ucraína, filmado ao longo de dez anos.
O Premio Jaime Manso á obra máis atrevida foi para Fomos ficando sós, de Adrián Canoura, polo risco formal co que o cineasta traballa co arquivo e co silencio para explorar a relación co seu pai.
Adam’s Apple, de Amy K. Jenkins, recibiu unha mención especial polo traballo compartido entre nai e fillo a partir de vinte anos de gravacións familiares.
O Premio do Xurado Novo á mellor longametraxe recaeu en Seis meses en el edificio rosa con azul, de Bruno Santamaría Razo. O xurado destacou “a fotografía, as interpretacións e a maneira de combinar autoficción e documental para contar unha historia íntima”.
Na competición de curtas, I Don’t Speak Dog (But I’ll Try), de Rime Tsujino, levou o Cormorito do Festival polo humor co que transforma unha pregunta sobre o seu can nun autorretrato sobre os coidados e a necesidade de sentirse querida.
Hasta mañana si Dios quiere, de Alejandro Egido, obtivo o Cormorito do Público e o Premio do Xurado Novo. Este último salientou “o ton cómico e a naturalidade das conversas coas que a curta aborda a perda, o dó e o despoboamento rural”.
En Curtas Neno, público e Xurado Novo coincidiron en premiar Chelito, de Carlos Prado Pampín, un documental sobre a praceira coruñesa Consuelo Hermida, coñecida pola peixería Pescados Chelito, no Mercado da Praza de Lugo. O xurado destacou a naturalidade e a proximidade coas que o director retrata o protagonista e a súa familia. Manuel Lógar valorou “moi positivamente a incorporación”, nesta edición, do Xurado Novo pola perspectiva que achegou á valoración das películas.

As CormoCharlas e os coloquios reuniron o público con Adrián Canoura, Carmen P. G. Granxeiro e o montador de Mariinka, Mauro De Groeve. Laura Ferrés e Alicia Moncholí conversaron sobre a experiencia de filmar os seus pais a partir de Los desheredados e Campolivar, e Alicia Álvarez Vaquero presentou De comida familiar.
O programa incluíu coloquios en liña e catro sesións de curtametraxes na Filmoteca de Galicia, que tamén proxectou Remake, de Ross McElwee. O Teatro Colón acolleu a proxección da copia restaurada de O raio verde, de Éric Rohmer, e a Biblioteca Municipal Durán Loriga, o obradoiro familiar Casas de películas.
A primeira edición da residencia CormoKamp completouse coa presentación pública dos proxectos na Fundación Luís Seoane. Fractal, de Telmo Portas, obtivo o premio ao mellor proxecto e Emigrason, de Ash Diz, o premio á mellor presentación.
O Cormorán Film Fest conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, Abanca, da Fundación Luís Seoane, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo e o ICAA.
