
A proximidade do lanzamento de Grand Theft Auto VI está a levar algúns xogadores a buscar fórmulas para comezar a xogar antes da data oficial. Unha das máis populares é o coñecido como truco de Nova Zelandia, un procedemento que aproveita os diferentes fusos horarios para acceder ao videoxogo varias horas antes de que estea dispoñible noutros países.
O lanzamento de GTA 6 está previsto para o vindeiro xoves e a súa distribución seguirá un calendario baseado na medianoite local de cada territorio. Nova Zelandia, pola súa posición xeográfica e a súa diferenza horaria, será un dos primeiros lugares onde se poderá xogar. A súa estrea producirase doce horas antes que na España peninsular.
O procedemento consiste en modificar a rexión configurada na consola Xbox para que o sistema identifique o dispositivo como situado en Nova Zelandia. Deste xeito, os xogadores poden tentar acceder ao título cando se desbloquee nese territorio, sen ter que agardar pola hora correspondente ao seu país.

A práctica non é nova. Os usuarios de Xbox levan máis dunha década recorrendo a este sistema con diferentes lanzamentos, aproveitando que algúns videoxogos se activan á medianoite de cada rexión en lugar de facelo simultaneamente en todo o mundo. GTA 6 está a provocar un novo auxe deste interese, ata o punto de que as buscas relacionadas co truco aumentaron máis dun 5.000 % no Reino Unido e EE.UU. durante o último mes, segundo os datos de Google Trends.
Porén, recorrer a este método non está exento de riscos. As condicións de uso de Xbox prohiben expresamente intentar eludir as restricións rexionais dos seus servizos, aínda que non existe, polo momento, unha confirmación de que se vaian aplicar sancións especificamente por utilizar este procedemento con GTA 6, pero tampouco hai garantías de que Microsoft vaia permitir o seu uso.
A situación presenta algunhas diferenzas entre plataformas. No caso de PlayStation 5, as restricións asociadas ás rexións das contas e ás compras dixitais son máis estritas, polo que non resulta tan sinxelo recorrer a esta clase de modificacións (xa que a compra ten que realizarse cunha conta de usuario neozelandesa, mentres que en Xbox a modificación realízase na consola).

A expectación chega mesmo a provocar compras específicas de hardware. GTA 6 estará dispoñible inicialmente en Xbox Series X|S e PlayStation 5, pero non terá versión para PC no lanzamento. Algúns xogadores están adquirindo unha consola expresamente para poder acceder ao título, mentres outros xa prepararon a descarga anticipada duns 212 GB que ocupa o videoxogo.
A publicación anticipada de imaxes e vídeos desde Nova Zelandia tamén pode converterse nun problema para quen queira evitar destripes da historia. As primeiras partidas estarán dispoñibles horas antes da estrea europea, o que facilitará que aparezan nas redes sociais fragmentos da aventura, escenas e información sobre os seus acontecementos, aínda que tamén cómpre sinalar que plataformas como Twitch poderían tomar medidas contra usuarios dalgúns territorios que realicen retransmisións antes da hora oficial (de recibir reclamacións por parte de Rockstar Games).
En calquera caso, non semella que o control deste tipo de publicacións vaia ser unha prioridade para Rockstar, pois os primeiros días terá que centrar os seus esforzos no propio xogo, xa que o volume de xogadores (estímase que puideron superarse os 12 millóns de reservas) podería provocar serios problemas a nivel técnico, e tamén disparará a detección de pequenos fallos que deberán pulirse antes de proceder a incorporar novas funcións.
