
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, a Aula AMTIC, organiza para os meses de decembro e xaneiro unha ampla oferta de actividades, tanto para persoas adultas como para nenos e nenas, co obxectivo de “formar á veciñanza en cuestións de índole informática e dixital e aprender a crear contidos como vídeos ou postais de Nadal de cara a estas datas tan sinaladas”.
O programa comezará o vindeiro 2 de decembro co obradoiro Manexo básico de Intelixencia Artificial. Este é un curso de iniciación á IA dirixido a persoas adultas. Os participantes descubrirán que é esta tecnoloxía, como funcionan os asistentes conversacionais e como poden axudar en tarefas do día a día: redactar textos, organizar información, planificar ou resolver dúbidas. Tamén se traballará o uso responsable desta ferramenta, abordando puntos como a verificación da información, a protección dos datos persoais e recoñecer os límites destas ferramentas. Este obradoiro impartirase o mércores 2 e o xoves 3 de decembro, de 10.00 a 12.00 horas.
Outra das propostas é un curso Creación de páxinas web, dirixido a persoas adultas que queren ter a súa propia presenza en Internet sen necesidade de saber programar. A través dun creador de webs visual, os participantes planificarán, deseñarán e publicarán unha páxina persoal, dun proxecto ou dun pequeno negocio. Poderase aprender a organizar o contido, escoller cores e tipografías, engadir imaxes e formularios e adaptar a web aos teléfonos móbiles. As datas para estes obradoiros son os días 4, 9, 10 e 11 de decembro, en horario de 17.30 a 19.30 horas.
De cara as datas festivas, a aula AMTIC organiza un Curso de Vídeos de Nadal, no que se poderá aprender a crear e editar este tipo de pezas, perfectas para felicitar as festas. As persoas participantes aprenderán a gravar co teléfono móbil, organizar fotos e clips, montar un vídeo cunha aplicación de edición sinxela e engadir textos, música e transicións. Ao rematar, terán unha felicitación de Nadal persoal lista para compartir coa familia e amizades. Este curso realizarase o mércores 16, xoves 17 e venres 18 de decembro, de 10. a 12.00 horas.
Xa en xaneiro, celebrarase o curso de Deseño dixital intermedio, os días 13, 15, 20, 22, 27 e 29, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Este curso está dirixido a persoas adultas con nocións básicas de deseño dixital que queren levar os seus traballos ao seguinte nivel. Traballarase con Canva e outras ferramentas en liña para dominar a composición, a tipografía e a cor, crear unha identidade visual coherente e producir pezas para redes sociais, impresión e presentacións. O curso remata cun pequeno proxecto propio que reúne todo o aprendido.
Obradoiros para a cativada

Para os máis pequenos e pequenas desenvolveranse dous cursos moi vinculados cas datas de Nadal cos que poderán facer postais e vídeos empregando recursos e ferramentas dixitais. O primeiro obradoiro será Postais de Nadal, enfocado no deseño dixital e enfocado a nenos e nenas de 6 a 8 anos. Cunha ferramenta de deseño sinxela e visual, os alumnos crearán a súa propia postal de Nadal combinando fondos, debuxos, adhesivos e textos. Aprenderán nocións básicas de cor, composición e escritura dixital e, ao rematar, levarán a súa postal lista para enviar á familia. Este curso será o martes 22 e o mércores 23 de decembro, de 10.00 a 11.00 horas.
A segunda actividade será Vídeos de Nadal con Canva o luns 28 e o martes 29 de decembro, e nel aprenderase a empregar a ferramenta Canva. Será en horario de 10.00 a 11.30 horas. Trátase dunha actividade de creación audiovisual enfocado a nenos e nenas de 9 a 13 anos. Utilizando Canva, os alumnos crearán un vídeo animado de Nadal desde cero: escribirán unha pequena historia, deseñarán as escenas, animarán personaxes e textos e engadirán música e efectos. Ao rematar, saberán exportar o seu vídeo para compartilo coa familia.
Po último, os días 13, 20 e 27 de xaneiro poderase asistir ao curso Pixel Art de 17.30 a 18.30 horas, un curso de introdución á arte dixital para cativada de entre 6 e 9 anos. A través do estilo PixelArt (debuxo por píxeles), os alumnos aprenderán a utilizar ferramentas dixitais interactivas para dar vida ás súas primeiras creacións. O curso céntrase no deseño de avatares, obxectos clásicos de videoxogos e unha primeira animación sinxela, aprendendo nocións básicas de cor, luces e volumes. Ao rematar, saberán como exportar os seus proxectos en formato dixital.
