
O Parlamento de Galicia aprobou a Lei de Educación Dixital, coa que Galicia se converte na primeira comunidade autónoma en contar cunha norma específica para regular a incorporación das tecnoloxías e da intelixencia artificial ao sistema educativo. O texto establece un marco de dereitos, garantías e limitacións para o uso de dispositivos electrónicos nos centros, así como criterios para integrar as ferramentas dixitais nas distintas etapas do ensino.
A aprobación definitiva produciuse durante a sesión plenaria celebrada esta mañá na Cámara galega. A norma saíu adiante cos votos favorables do PPdeG, a abstención de Democracia Ourensana e os votos contrarios do BNG e do PSdeG.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, confirmou a aprobación a través das redes sociais, onde agradeceu a colaboración dos que participaron na elaboración do texto e cualificou a lei de pioneira. «Estou seguro que vai crear escola!», sinalou.
A nova regulación pretende establecer criterios para que a incorporación da tecnoloxía responda ás necesidades pedagóxicas de cada etapa educativa. Un dos seus principios é avanzar cara a un modelo híbrido que combine os recursos dixitais cos métodos tradicionais de aprendizaxe, evitando que as pantallas se convertan no eixo exclusivo da actividade escolar.
Entre as medidas recollidas figura a regulación do uso individual dos dispositivos electrónicos, que poderán empregarse con fins educativos a partir de quinto curso de Educación Primaria. Os teléfonos móbiles poderán utilizarse con finalidade pedagóxica desde terceiro da ESO, sempre baixo as condicións establecidas polos centros e pola propia normativa.
A intelixencia artificial tamén ocupa un lugar destacado no texto, que introduce criterios para ordenar a súa utilización no ensino. A intención é establecer garantías para que estas ferramentas se incorporen de maneira adecuada á actividade educativa, atendendo ás súas posibilidades e aos riscos que poden presentar.

A lei estende igualmente a autoridade do profesorado ao ámbito dixital e establece límites á gravación e difusión de contidos relacionados coa actividade docente. Así, non se poderán gravar clases presenciais ou en liña sen a correspondente autorización, nin difundir exames do alumnado a través das redes sociais.
A protección da privacidade, a seguridade nas comunicacións e a desconexión dixital forman parte tamén dos principios que orientan a regulación. O texto contempla, ademais, medidas de apoio ao profesorado e ás familias para facilitar un uso responsable das tecnoloxías e afrontar os cambios que a dixitalización introduce no ensino.
A tramitación da norma estivo precedida dun proceso de elaboración no que, segundo explicou Román Rodríguez durante a presentación parlamentaria do proxecto en setembro, se recolleron arredor de 900 achegas de docentes, equipos directivos, organizacións sindicais e especialistas. Daquela, o conselleiro defendía a necesidade de contar cun marco normativo propio para responder aos desafíos educativos derivados da transformación dixital.
A aprobación definitiva abre agora o camiño para a aplicación dunha regulación que pretende establecer unhas regras comúns para os centros educativos galegos, tanto no uso dos dispositivos como na incorporación das novas ferramentas de intelixencia artificial.
