
Anthropic comezou a cotizar no Nasdaq baixo o símbolo ANT, tras fixar en 83 dólares o prezo das accións da súa oferta pública inicial. A operación comprende 980 millóns de títulos, dos que 956,35 millóns son de nova emisión e o resto corresponden a accionistas que aproveitaron a estrea para vender parte das súas participacións. A empresa concedeu ademais aos bancos colocadores unha opción para adquirir outros 147 millóns de accións.
A saída a bolsa marca un punto de inflexión no financiamento da empresa desenvolvedora de Claude, que ata agora dependía en boa medida dos investimentos de grandes compañías tecnolóxicas que tamén lle proporcionan infraestrutura. Amazon e Google controlan, respectivamente, o 14,7 % e o 13,7 % do capital, cun valor conxunto próximo aos 307.900 millóns de dólares ao prezo da OPI. Ambas as dúas empresas son tamén provedoras dos recursos de computación que Anthropic necesita para desenvolver e executar os seus modelos.
Este financiamento circular esténdese a outros fabricantes como nVIDIA, AMD, Microsoft, Broadcom, Micron e TSMC, que participan nun investimento privado de 26.000 millóns de dólares vinculado á operación. A situación suscita interrogantes sobre a dependencia mutua entre os grandes actores da industria da IA, xa que parte do capital investido retorna aos propios investidores mediante a compra de infraestrutura e servizos.
A operación permitirá diversificar as fontes de financiamento e acudir aos mercados públicos e á emisión de débeda, pero os compromisos económicos son enormes. Anthropic ten acordados gastos de ata 900.000 millóns de dólares, principalmente en computación e centros de datos.
Os resultados reflicten o forte crecemento do negocio, pero tamén as dificultades para alcanzar a rendibilidade. Nos nove primeiros meses de 2026 ingresou 33.240 millóns de dólares, un 1.200 % máis que no mesmo período do ano anterior, mentres que as perdas netas ascenderon a 104.000 millóns. A maior parte desta cifra responde a cambios na valoración de instrumentos financeiros, e non directamente ao gasto operativo.
A estrea bolsista chega acompañada dunha estrutura de control que permitirá aos sete cofundadores conservar a maioría dos dereitos de voto. A través da entidade Founder LLC controlan o 50,1 % dos votos, unha porcentaxe que alcanza o 61,3 % ao sumar as súas participacións individuais.
