
A Universidade de Stanford (Estados Unidos) vén de publicar a súa clasificación World’s Top 2% Scientist List, incluíndo nela a 23 persoas vinculadas á Universidade da Coruña. Esta listaxe identifica ao 2% dos científicos máis influentes do mundo en todas as áreas de coñecemento, unha clasificación que analiza persoal investigador de todo o mundo a través da base de datos Scopus, proporcionada pola editorial Elsevier, que ordena en campos e subcampos científicos.
Por parte da Universidade da Coruña, aparecen nesta última edición Rodrigo Lozano, investigador adscrito a ECOBAS; Franciso Blanco, Mª Generosa Crespo, Germán Bou e Ángel Fernández Flores, do INIBIC; Christian Kennes, María Isabel González Siso, Carlos Jiménez, Darío Prada Rodríguez, Carlos Platas Iglesias, Emilia Iglesias, Vanessa Valdiglesias, Blanca Laffon e María del Carmen Veiga, do CICA; Tiago M. Fernádez Caramés, Verónica Bolón Canedo, Paula Fraga Lamas, Amparo Alonso Betanzos e Carlos Gómez Rodríguez, do CITIC; Renée DePalma, da Facultade de Ciencias da Educación; José A. Orosa, da ETS de Náutica e Máquinas; Pedro Cabalar, do Grupo de Investigación IRlab, adscrito á Facultade de Informática e Héctor Gómez, do CITEEC.
Entre as disciplinas que contan con maior representación da UDC, destacan a Química, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, a Medicina Clínica e a Investigación Biomédica, así como as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas e tamén as Ciencias Sociais.

A clasificación internacional World’s Top 2% Scientists é considerada unha das referencias máis prestixiosas a nivel mundial para identificar o impacto da actividade investigadora. Elaborada a partir dunha base de datos de acceso público de Elsevier e do traballo de investigación da Universidade de Stanford, esta clasificación avalía a produción e o impacto científico de máis de 200.000 persoas investigadoras de todo o mundo, procedentes de universidades, hospitais, centros e institutos de investigación.
