
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, detallou hoxe diversas iniciativas impulsadas polo Goberno galego para fomentar o uso e prestixio da lingua galega. Fíxoo na apertura da XXII Xornada de Normalización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia, onde debullou parte das 50 medidas incluídas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega nos primeiros 100 días desde a súa aprobación no Parlamento autonómico co apoio da maioría dos grupos da Cámara.
García, que participou na apertura deste encontro organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, puxo en valor a importancia deste documento para sentar as bases da política lingüística dos vindeiros anos ao abeiro dun amplo consenso social e co apoio de institucións e entidades. Precisou que se trata de case 700 medidas que se centran, entre outras, na acollida e arraigo dunha cada vez maior poboación chegada do exterior, na mocidade e na ruptura da transmisión xeracional, así como outras destinadas a reforzar as iniciativas postas en marcha para impulsar a presenza do galego nas plataformas e aplicacións tecnolóxicas.
Detallou que “as novas xeracións e o ámbito educativo como espazo de relacións sociais e de lecer ocupan tamén un lugar destacado a través do fomento de actividades complementarias ao currículo escolar con ferramentas como son os programas de radio, o teatro escolar ou as alternativas de conciliación”. E engadiu: “Trátase de propostas que van máis alá das aulas e que nos permiten levar a cabo un traballo fundamental a prol do prestixio do galego a través das actividades extraescolares”.
Vertente tecnolóxica
Valentín García lembrou que o plan fai especial fincapé en impulsar a presenza da lingua nas plataformas e ferramentas dixitais, sobre todo naquelas máis utilizadas hoxe en día polas xeracións máis novas para comunicarse e buscar información.
Entre estas as medidas inclúese o Proxecto Nós, impulsado pola Secretaría Xeral da Lingua e a Universidade de Santiago de Compostela, destinado a incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais cun claro obxectivo: seguir ampliando os principais eixoe de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala.
Ao abeiro deste proxecto ofrécense recursos de libre acceso por terceiros, o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que contribúen a que o galego sexa unha lingua habitual neste eido tecnolóxico e avanzado.
