
O CITIC da Universidade da Coruña participou nas II Xornadas das Bibliotecas Municipais da provincia, organizadas pola Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña baixo o título Novas tecnoloxías nas bibliotecas: retos, riscos e oportunidades. O encontro, celebrado o venres 13 de novembro no Pazo de Mariñán, reuniu profesionais e especialistas para reflexionar sobre os cambios que a transformación tecnolóxica está a introducir no ámbito bibliotecario e cultural.
Un dos eixes centrais da xornada foi a análise das posibilidades e dos desafíos que presenta a intelixencia artificial no ámbito bibliotecario. O CITIC estivo representado polo seu investigador David Vilares Calvo, profesor da UDC adscrito ao Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, que participou na sesión A IA e as súas posibilidades nas bibliotecas.
Na mesa interviñeron tamén Enrique Calvo, xefe da División Xurídica, Relacións Institucionais e Asuntos Xerais da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), e Adina Vladu, investigadora e doutora en Lingüística do Instituto da Lingua Galega, vinculada ao Proxecto Nós. A sesión, moderada por Leticia Chas, permitiu achegar diferentes perspectivas sobre a incorporación destas tecnoloxías aos servizos bibliotecarios.
Analizouse como a intelixencia artificial está a transformar os procesos de procura, tratamento e acceso á información, así como as oportunidades que ofrece para mellorar os servizos e a relación coas persoas usuarias. Tamén se abordaron cuestións fundamentais como a fiabilidade da información, os nesgos algorítmicos, a protección de datos e a necesidade de desenvolver competencias dixitais que permitan facer un uso informado, crítico e responsable destas ferramentas.
A programación incluíu outras intervencións centradas nas aplicacións das novas tecnoloxías no traballo cotián das bibliotecas. Carlota Neira abordou o uso das redes sociais como ferramenta de promoción, mentres que o xornalista, comunicador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Gago explorou as posibilidades da intelixencia artificial nas bibliotecas rurais.
Pola súa banda, María Lema, responsable do servizo eBiblio da Biblioteca da Deputación Provincial, presentou esta plataforma de lectura dixital e as súas posibilidades para ampliar o acceso aos recursos bibliográficos e mellorar a accesibilidade.
Na sesión da tarde, Laura Castro Souto, vicerreitora de Estratexia Dixital da UDC, afondou nas ferramentas de intelixencia artificial xerativa aplicadas ao traballo bibliotecario. A xornada concluíu cun bloque dedicado á dinamización literaria e aos clubs de lectura, no que participaron as escritoras Antía Yáñez e Marta Villar, moderadas por Leticia Chas.
