
Galicia segue a ser un fervedoiro de novidades web, e algunhas delas postas en marcha para dar servizo a xente de todo o mundo. Por exemplo Camino Ahora, uha web gratuíta para peregrinos elaborada con datos públicos: o rexistro oficial de albergues da Xunta (450 nos Camiños en Galicia), os horarios da rede de transporte público de Galicia e os datos abertos de Renfe. Achégase en 30 idiomas e foi desenvolvida e posta en marcha por David Sousa, veciño de Teo.
As orixes
A orixes, segundo recoñece David, que vive a carón do Camiño Portugués, están no seu descoñecemento en materia de programación (nin é informático nin sabe crear aplicacións) confrontado co seu firme interese por facer algo útil e eficaz para quen nos visita polo Camiño de Santiago. A web foi habilitada a finais de setembro de 2026. “Vexo pasar peregrinos todos os días. Moitos non atopan un dato fiable e ao día: se o albergue abre, a que hora é a misa, como chegar ao comezo do Camiño. Quixen xuntalo nun só sitio, con cada dato comprobado”, explica.
Como está feita
Sousa fixo a web enteira cun asistente de intelixencia artificial (Claude, de Anthropic): o código, as traducións e as tarefas automáticas que revisan as fontes. É unha web estática, aloxada nun servizo gratuíto. O único gasto fixo é o dominio.
A web está en 30 idiomas, do inglés ao coreano e o chinés. A tradución é automática, feita con intelixencia artificial, sen revisión de nativos.
Os datos
A web reutiliza datos públicos: o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (450 albergues de peregrinos nos Camiños en Galicia, “pobo a pobo”), a web O Camiño de Santiago de Turismo de Galicia (cos horarios de admisión e os peches dos 74 albergues da rede pública), o servizo bus.gal e os datos abertos de Renfe (como chegar desde o aeroporto de Santiago ao comezo de cada Camiño) e o informe público da Oficina do Peregrino (tarxetas Compostela seladas por mes, camiño, país e punto de saída).
Cada dato leva a súa fonte e a data en que se leu. Os datos devólvense en aberto (JSON, CSV e GeoJSON) na sección de datos de Camino Ahora. Inclúese un dato que non estaba en ningún rexistro: os albergues privados que abren no inverno. A web preguntóullelo por correo a todos eles. Contestaron 45 (só 8 abren todo o ano).
Funcionamento: un QR para cada albergue
David explícanos que cada albergue ten o seu propio cartel cun código QR, distinto do dos demais, códigos que foron enviados por correo a albergues públicos e privados, a oficinas de turismo e a concellos. Logo, o peregrino escanéao co móbil e abre a web no punto do Camiño onde está o cartel: ve os albergues que veñen despois e a distancia ata cada un.
O cartel é gratuíto, e imprimilo e colocalo é voluntario, engade David, apuntando que “calquera outro sitio pode pedir o seu sen compromiso, por exemplo oficinas de turismo, concellos, hoteis, pensións ou bares”. Abonda con escribir a hola@caminoahora.com e dicir onde está, aclara, engadindo que “non ten custe algún para ninguén e sérvelle a todos: ao peregrino, que sabe onde durmir, e aos albergues do Camiño, que aparecen cando os buscan”.

