
Sony anunciou os tres xogos mensuais que recibirán os subscritores de PlayStation Plus durante decembro. Tony Hawk’s Pro Skater 3+4, Dragon Ball Xenoverse 2 e Amnesia: The Bunker poderán engadirse á biblioteca a partir do 1 de decembro e estarán dispoñibles ata o 4 de xaneiro.

Tony Hawk’s Pro Skater 3+4 chegará nas versións para PS5 e PS4. Esta revisión das dúas entregas clásicas da saga de skateboarding incorpora novos patinadores, escenarios adicionais e trucos, ademais de recuperar localizacións emblemáticas dos xogos orixinais. A edición inclúe gráficos en resolución 4K na versión para PS5, obxectivos adaptados e o formato de partidas de dous minutos. Tamén permite crear e personalizar patinadores e parques, así como deseñar obxectivos propios para compartilos con outros xogadores.

Dragon Ball Xenoverse 2 estará dispoñible tanto para PS5 como para PS4. O xogo de loita permite crear un personaxe propio e explorar Conton City, onde os protagonistas da serie adestrarán o xogador para combater inimigos e corrixir alteracións na historia de Dragon Ball. Inclúe modalidades multixogador en liña para enfrontarse a outros usuarios e participar en combates cooperativos contra adversarios xigantes.

Amnesia: The Bunker, pola súa banda, ofrecerase na versión para PS4. Esta aventura de terror en primeira persoa, desenvolvida polos creadores de Soma e Amnesia, sitúa o xogador nun búnker abandonado da Primeira Guerra Mundial. Na pel do soldado francés Henri Clément, haberá que sobrevivir coa axuda dun revólver, unha lanterna de dínamo e os poucos recursos que se poidan atopar ou fabricar durante a partida.
A experiencia combina exploración e supervivencia cunha ameaza que reacciona aos movementos e aos sons. A xeración aleatoria de elementos e o comportamento imprevisible do inimigo buscan que cada partida presente situacións diferentes.

