
A edición XIX de Culturgal abriu as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra, dando comezo a tres días e máis de 200 actividades para mostrar a forza creativa de Galicia. O programa de actividades abranguerá todas as disciplinas da cultura da nosa terra, incluídos os contidos audiovisual e gamer.
Na apertura das actividades o conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, destacou a capacidade de Culturgal para ser “o punto de encontro da cultura galega, un espazo colaborativo de diálogo que serve para unirnos nun obxectivo común, coidar e potenciar a cultura galega”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, incidiu nesta idea ao asegurar que “queremos que Culturgal e a cultura galega teñan en Pontevedra un porto seguro, un lugar aberto para todos”, engandindo que “a cultura é o alicerce fundamental para unha sociedade libre”.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, puxo en valor “a necesidade de investir en cultura e de incrementar o tecido empresarial vinculado á cultura”, mentres que Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, destacou que “esta fin de semana coinciden a festa da cultura e a festa da democracia”, ao tempo que lembrou que “máis de 55 dos grupos ou artistas que estarán en Culturgal recibiron premios nas súas disciplinas nos últimos meses”.

Unha das principais novidades deste ano da feira é a creación dunha área temática específica para agrupar o sector galego do lecer dixital. En concreto, contarase co espazo O barrio dos videoxogos, no que se agruparán os colectivos do sector e, ademais das actividades para xogar (Recuncho Gamer), celebrarase un encontro sobre as game jam que se celebran en Galicia (as game jam e o seu papel na comunidade e na creación: unha sesión programada para o domingo 29 de novembro ás 16.00 h no Escenario Música). Haberá debates sobra industria do videoxogo e propostas para pública infantil.
En audiovisual, Culturgal vai facer en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual un maratón de curtas producidas en Galicia durante este ano, e proxectaranse tamén unha boa parte dos traballos documentais producidos en Galicia no 2026.
Haberá un pase restrinxido de Kiro, o documental sobre a artista galega Ana Kiro; a presentación de Planeta Pampín, con Pili Pampín, de Voz Audiovisual, e tamén a presentación da nova serie de ficción da TVG, Clínica Mirando.


