Imaxe das rúas de Pisco, logo do terremoto, vista no caderno de ReysonA catástrofe dos terremotos de Perú segue a requirir da axuda internacional, agora que é preciso comezar e afianzar as tarefas de reconstrución. Así o entenden Telefónica e a Cruz Vermella, que veñen de asinar un acordo (pdf) co obxectivo de cooperar cos labores de asistencia ós damnificados do país latinoamericano. Segundo as bases deste convenio, a Fundación Telefónica fará doazón de 3 millóns de dólares para tarefas de asistencia, facilitando tamén as canles (diferentes números de conta de entidades bancarias) para que todos os interesados en colaborar dende os países onde ten mercado a operadora poidan facelo. Asemade, a compañía informa que segue aberta outro vieiro de cooperación, desta volta máis vinculado ó tecnolóxico: o habilitado xunto con Axuda en Acción e Save The Children no servizo Movistar Solidario. Deste xeito, os cidadán queiran achegar unha doazón poderán facelo a través dun SMS ó número 4004 acompañando o texto AYUDAPERU (para cooperar con Axuda en Acción) ou simplemente PERU para botar unha man a Save The Children. Segundo informa Telefónica, o custo total da mensaxe, 1,04 euros, destinarase a contribuír ós labores de reconstrución. Esta vía de participación ficará aberta ata o 5 de setembro no caso da primeira das ONGs e ata o 16 do mesmo mes no caso de Save The Children. Cómpre sinalar que este servizo só serve para clientes da dita operadora.