Estratexia de marketing para relanzar unha carreira, principios sólidos a prol da cultura libre ou ámbalas dúas cousas á vez? O escritor Alberto Vázquez-Figueroa apostou recentemente pola Rede como canle para a promoción en aberto da súa última novela, Por mil millóns de dólares, e o éxito obtido serviulle para lanzar o seguinte prognóstico: “O boom do meu libro en Internet cambia o eido editorial”, segundo reflicte estes días a Axencia EFE. O caso é que non deixan de ser curiosas as certas semellanzas entre o caso de Vázquez-Figueroa, que conta practicamente os segundos do día por descarga (vai a unha media de 15.000 por xornada), e o de Manolo Kabezabolo, ámbolos dous en extremos opostos da cultura e os dous coincidindo nunha mesma idea: a de turrar abaixo algunhas das principais barreiras que ata o de agora nos impedían o paso cara ás expresións artísticas e o coñecemento en xeral.
A chave de todo isto: chegar a un pacto de amizade co internauta. É dicir: permitirlle ter nas mans determinada novela ou certo traballo musical sempre e cando non faga beneficio con eses produtos.
Para Vázquez-Figueroa, está ben claro que, de facerse famoso, o seu libro vaino ser por dous motivos: 1º Pola oportunidade de lecer que ofrece como peza literaria. 2º Por ser o elemento que vai mudar de xeito definitivo o eido editorial. Ó seu xuízo, está ben claro que se van dar máis experiencias como súa, ese xogo duplo de publicar un libro nas librarías a prezo normal coas súa tapas, as súas páxinas e a súa encadernación, e tamén na Rede, xa de balde, limpo para imprimir pero accesible para todas aquelas persoas que ata o de agora non tiñan posibilidade económica algunha de facerse cunha novidade nas librarías. Este feito, opina, non ten porque tirar abaixo todo o edificio construído polo mundo editorial, pechando a billa do beneficio, porque os que xa mercaban libros, seguirán facéndoo sempre que poidan.
Vázquez-Figueroa di que o eido editorial nunca será o mesmo logo da posta en liña da súa última novela
Compartir Este Artigo

