Un evento que xira arredor do mundo dos videoxogos e no que se reúnen máis de 200.000 seareiros deste tipo de lecer dixital procedentes de todo o mundo non semella un evento calquera. Así o entenderon os nosos amigos de Vandal Online, que aproveitaron a celebración da Games Convention de Leipzig para oficializar a estrea do seu novo deseño. Esta remodelación, informa o equipo da páxina de xogos galega (unha das máis visitadas no eido da fala castelá, con un milllón de usuarios únicos mensuais), inclúe entre outras cousas unha ampliación da resolución da páxina ata 1024 píxeles, unha nova portada Flash e meirande integración dos vídeos Flash habilitados dende o mes de maio (e xa son máis de 1.000) que achega a cada xogo un deseño gráfico asociado para acadar unha navegación máis visual.
Asemade, proseguen os responsables do servizo, incrementouse a calidade dos vídeos, que pasa de ser a mesma cá de YouTube (320×240) a situarse nos 400×300, e mantendo os mesmos niveis de compresión que tiñan previamente. Cómpre sinalar que o capítulo de reformas non está pechado, e que ó longos dos vindeiros meses seguirá operativo en Vandal o obradoiro de remodelacións en liña.
Hoxe en día, o servizo conta con 60.000 usuarios rexistrados e máis de 800 blogs de internautas que reciben visitas a cotío. Segundo os estudos desenvolvidos ó respecto, é a segunda páxina de videoxogos máis visitada do Estado español.
Novo deseño da galega Vandal, a segunda máis visitada do eido español en materia de xogos
Compartir Este Artigo

