
Aínda que o Safari non incorpore o engadido para reproducir contidos en Adobe Flash, dende Apple prepararon unha opción que permite o acceso a vídeos de YouTube, de xeito que se incrementan as opcións de lecer deste reprodutor (aínda que non se conta nin co atallo a Google Maps nin á ferramenta de lectura de correo electrónico coma facía o iPhone).
Vídeo de presentación do novo iPod |
O novo reprodutor ten unhas dimensións de 110 x 61,8 x 8 mm e un peso de só 120 gramos e se vende en capacidades de 8 e 16 Gb a 289 e 389 euros respectivamente. Chegará ó mercado español o vindeiro 28 de setembro, de xeito que os usuarios que estaban ansiosos por facerse cun iPhone (do que aínda non se coñece a data de comercialización en España) poden conformarse co seu teléfono habitual se o combinan con este elegante reprodutor multimedia que parece ser sen dúbida o mellor que fixo Apple ata hoxe.
Mercar dende o iPod


A seguridade tamén é un elemento a ter en conta na nova tenda de música, e os usuarios non terán que preocuparse de que calquera persoa que manipule os seus reprodutores multimedia merque cancións accidentalmente, de xeito que para realizar as compras haberá que identificarse coma usuario mediante o correspondente contrasinal (que permanecerá activo durante 15 minutos, para non forzar a introducilo constantemente durante unha sesión de compra).
Críticas
Pero non todo son loanzas para o iPod Touch, e o seu prezo xa é un motivo de discusión, pois gastar ata 389 euros nun reprodutor multimedia é considerado excesivo por moitas persoas, especialmente tendo en conta que no mercado hai un amplo abano de dispositivos máis económicos e que fan igualmente a súa función elemental: reproducir música.
Parece así que o iPod Touch, coma o iPhone, se converte máis nun símbolo do status social dos seus posuidores que nun simple reprodutor multimedia.
A nivel técnico tamén destacan a ausencia de radio FM (elemento de moita importancia para o público europeo), o reducido soporte de formatos de audio e vídeo (ficheiros de música en OGG Vorbis ou WMA non son reproducible, así como moitísimos codecs de vídeo), a imposibilidade de gravar audio, a súa pouca capacidade (só 16 Gb por un reprodutor que custa preto de 400 euros resulta ridículo) e o mero feito de que se anuncie con máis de 3 semanas de antelación (mentres que o resto de dispositivos anunciados xa están á venda dende hoxe).
Ou sexa, que aínda que dende Apple afirmen que se trata do mellor reprodutor multimedia que existe, está claro que aínda lle queda moito que mellorar.

