As Galescolas botan a andar e non o fan cun único obxectivo, o de asegurar o futuro da lingua a través dunha educación máis nosa. Vicepresidencia, o órgano da Xunta que é responsable da súa posta en marcha, considera que o proceso trazará un rego máis fondo se o galego concorre de xeito conxunto coas novas tecnoloxías da información e, de entre todas elas, coas máis novas das novas. Algo así como permitir ou mesmo alentar á lingua para saír a bailar da man da Web 2.0. Neste senso, non é casual que se elixise o formato blog para que catro destes centros educativos relaten a súa experiencia cotiá perante o mundo.
A iniciativa, que máis adiante irá chegando ás restantes Galescolas, tamén funciona como medio de comunicación interno (para a comunidade educativa) e externo e tamén como dispensario de programas e ferramentas en xeral para as nais, os pais e o profesorado. Segundo informa Vieiros, os catro centros elixidos para formar parte plena da Sociedade da Información dependen directamente de Vicepresidencia, e cada un deles representa ás nosas catro provincias: Santa María de Oza, na Coruña; Nosa Señora da Purificación, de Foz; Antela, de Ourense, e Caeiro, en Vigo.
Para Vicepresidencia, o formato bitácora é sen dúbidas o que máis xogo dá para unha experiencia educativa destas características, xa que é se trata dunha feitura próxima e accesible. Amais dixo, déixalle marxe a cada centro para afondar nas súas actividades, dalas a coñecer e, a ser posible, espallalas. O portal Galescolas.net non remata aí, no puramente informativo, senón que abrangue outra índole de recursos, máis relacionados cos servizos: calendario de actividades, documentación nutricional, horarios, etc. Asemade, hai un apartado interno para profesores e pais no que, a través dunha clave privada, poden achegar ou recibir datos sobre a traxectoria educativa dos cativos.
Na imaxe, a apertura da Galescola de Vilaboa vista por Antonio Hernández no Correo.
Galescolas.net: os centros de Vicepresidencia apostan na Rede pola feitura de blog
Compartir Este Artigo

