Semella que se van concretando as datas sobre a chegada definitiva da Televisión Dixital Terrestre (TDT) a Galiza, as comarcas por onde se irá implantando a máxima cobertura (polo visto, máis devagar có agardado nun principio) e sobre a desaparición definitiva da tecnoloxía analóxica (o apagón do que tanto se fala). Segundo informou estes días A Voz, teremos que comezar a roer definitivamente no dixital (sen máis opción) en tres tempos. Máis concretamente: en tres fases ó longo das seis áreas técnicas nas que vén de dividir o Goberno o central a Galiza en materia de afianzamento da TDT. Deste xeito, a partir do 30 de xuño de 2009 case 430.000 galegos e galegas das bisbarras de Santiago e de Verín terán que afacerse ó dixital e sen volta de folla.
A cousa ten miolo, posto que estas dúas zonas polas que irá collendo corpo a TDT abranguen só ó 15,4% da poboación da galega, porcentaxe que choca coa estimada polo Plan Nacional de Transición cara á Televisión Dixital do Goberno central como beneficiaria da nova tecnoloxía a nivel español e que é do 32,4%.
Porén, o proceso seguirá adiante avanzado o ano 2009. A finais do mesmo, dará comezo o proceso de implantación nas divisións da Coruña (con preto de 725.000 habitantes) e na de Ourense, con preto de 350.000. A liña de traballos chegará ó seu remate o 3 de abril de 2010, coa inclusión das áreas de Pontevedra (con case un millón de habitantes) e de Lugo, con 311.068.
Que significará esta derradeira data? Pois basicamente que o apagamento analóxico será completo e que os galegos e galegas terán que despedirse duns problemas (chuvia na pantalla, capacidade limitada de recepción de canles, calidade de son e de imaxe en moitas ocasións defectuosa) para darlle a benvida a outros diferentes. Confiemos en que estes sexan máis levadeiros (nun principio, todo indica a que así será) e en que rematen dunha vez os días da sintonización manual do televisor, unha das tarefas (xunto coa de pasar o ferro) máis decididamente inoportunas do ámbito doméstico.
A despedida da televisión analóxica será en Galiza máis devagar
Compartir Este Artigo

