A Google Earth lle imos tomando paseniño a medida e se cadra está ben que así sexa, pero non estaría mal que houbese máis alternativas que a achegada polo buscador norteamericano, sobre todo tendo en conta que, segundo din os especialistas, no futuro imos botar man destes mapas dixitais ata para procurar dende o ceo un sitio tranquilo onde mexar. Así, cantas máis opcións e cantas máis iniciativas competindo nun mesmo eido, máis rendemento se lles pode sacar a estas ferramentas. Ese (e o de procurar que Europa non fique atrás en materia de informática deste calibre) é o vieiro no que tenta pisar firme un consorcio de empresas europeas comandadas polo astronauta español Pedro Duque: un vieiro que sirva para acadar algo na liña do Google Earth pero dende o vello continente e cun punto de vista máis práctico e máis social.
O obxectivo, segundo informa Ángel Díaz no Navegante, é sentar os alicerces dunha ferramenta que lle permita a Europa estar coa garda subida de cara ós cambios que experimentará a Rede en pouco tempo, cambios que terán moito que ver co uso que se lle dá a ferramentas coma os mapas virtuais. A iniciativa xa ten nome: e-Globe pero non orzamento ó completo. Ou sexa: que require 100 millóns de euros pero semella que das portas nas que se petou non se acadaron aínda os cartos precisos. Sexa como sexa, os responsables da iniciativa consideran que a mellor carta da presentación para conseguir o que lles falta é ter algo entre mans. É dicir: que hai que deixar algo no chan antes de premer no timbre, de aí que se vaia facer todo o posible para ter este sistema operativo canto antes, mesmo para a vindeira primavera.
Para Pedro Duque e as empresas que constitúen o consorcio de e-Globe, a feitura da información vai dar un xiro importante ó longo do seguinte lustro: pasaremos de bases de datos constituídas por longas listaxes de números a bases de datos baseadas cada vez máis en mapas. Así, un mapa virtual coma este que está en desenvolvemento sería unha especie de porta de entrada ós datos que procuramos. Isto podémolo albiscar cada día nas nosas operacións en Internet. Procesos como o da xeolocalización virtual forman parte diso, entendéndose o simple xesto de situar no mundo aquelas cousas das que falas como iso que distingue aquilo que é salientable de aquilo que non é, o que separa o gran da palla nunha morea incesante e crecente de información.
O astronauta Pedro Duque quere lanzar dende Europa unha resposta en liña ó Google Earth
Compartir Este Artigo

