Apagar e acender. Que erga a primeira man aquel técnico informático que non tivera algunha vez (polo menos algunha vez) sopesado a posibilidade de apagar e acender un computador coa finalidade de reparalo, non vaia ser que a raíz do problema sexa un perrencho da máquina. A tarefa de amañar un equipo debe ser complicada (ou simple: cortar a luz, volver a acendela), posto que segundo informa The Inquirer facéndose eco dun vídeo que aparece estes días na CBC, un de cada tres técnicos de informática non che saben arranxar o PC.
No dito vídeo podemos ver o programa de televisión no que se convocou a unha serie de profesionais dos ordenadores para comprobar, vía cámara oculta, se eran quen de solucionar os problemas dun equipo estragado a mantenta.
Polo visto, de dez técnicos mobilizados, só tres acertaron co diagnóstico, cousa que tampouco debería sorprendernos moito, posto que probablemente non haxa un sector profesional hoxe en día (medicina, construción, política, xornalismo, vixilancia) nos que non se cometan cada día unha longa listaxe de cagadas. Sexa como sexa, o vídeo é máis ou menos recomendable, aínda que só sexa por ver como a profesionais pertencentes a importantes cadeas de arranxo de PCs se lles pode ver algo así como unha pinga de suor (semellante ás do debuxos de Shin Chan) abrollando na caluga. Perante deles, estes técnicos tiñan nada menos que o seguinte reto: amañar un módulo de memoria en mal estado introducido a mantenta polos responsables da proba, e que non permitía o acendido da computadora. A maioría dos profesionais recomendaron mercar compoñentes novos, cando estaba claro que iso non era preciso. Iso si: antes de marchar, pediron os seus correspondentes cartos pola man de obra e o desprazamento.
Podemos ver a reportaxe televisiva a continuación:
Un programa de televisión pon en entredito os coñecementos dunha boa parte dos técnicos informáticos
Compartir Este Artigo

